IGACIENCIA deu a coñecer os centros premiados no Concurso Galego de Robótica

luns, 23 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Rapaces participantes no concurso de robótica celebrado no CEI/ Foto: J.Vázquez/AEP, publicada en El Progreso

Esta fin de semana que deixamos atrás entregáronse no salón de actos do CEI-Nodus, en Lugo, os recoñecementos da cuarta edición do Concurso Galego de Robótica, un evento do que falamos hai uns días en Código Cero e que veu da man, unha vez máis, do grupo IGACIENCIA, dedicado a impulsar as moitas vantaxes da investigación para o progreso e, tamén, as moitas vantaxes de ser nós mesmos investigadores. Como o propio nome do concurso indica, o evento diríxese a afianzar e promover unha ollada galega no eido da intelixencia artificial, ámbito científico con capacidade para espertar unha manchea de talentos entre a nosa mocidade.
Segundo nos conta o presidente de IGACIENCIA, Manuel Díaz Regueiro, o certame (que contou para esta edición co apoio da Fundación Barrié, o Concello de Lugo e máis da Deputación), organizouse co obxectivo de aproximar a xente nova e a cidadanía en xeral ao mundo da robótica, ceibando esta especialidade de atrancos de comunicación e posíbeis prexuízos e buscando salientar a gran importancia que ten a intelixencia artificial para o futuro do mundo, sobre todo en cuestións como a saúde, o benestar, a defensa do medio ambiente, a busca de recursos para loitar contra o quecemento da terra e atopar enerxías renovábeis máis rendíbeis, a mellora das condicións laborais nas industrias, a loita contra enfermidades, etc.
A listaxe de centros premiados, informan dende IGACIENCIA, quedou deste xeito.
· 1º Premio
IES Muralla Romana de Lugo. 4º da ESO, 64 puntos
· 2º premio da ESO
IES Illa de Sarón de Xove 4º da ESO, 50 puntos
· 3º premio da ESO
CPI Castroverde e IES de Canido de Ferrol, 45 puntos
Concurso para Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio
· 1º Premio
IES Perdouro de Burela Ciclo Medio de Telecomunicacións, 51 puntos
· 2º premio de Bach e Ciclos
IES Laxeiro de Lalín 1º de Bach, 43 puntos
· 3º Premio de Bach e ciclos
IES de Ortigueira, 36 puntos

PUBLICIDADE