INEO organiza unha xornada en Santiago sobre as TIC verdes e o seu amplo potencial para o emprendemento

xoves, 14 de novembro do 2013 Redacción

A asociación INEO vai desenvolver os días vindeiros unha interesante actividade para todos aqueles dos nosos profesionais emprendedores que queiran afianzarse nun camiño que promete un gran potencial: o que xera a interactuación entre as novas tecnoloxías dixitais e as tecnoloxías que achegan xestión, conservación e rendibilidade do medio ambiente. Falamos da xornada Novas Oportunidades de Negocios TIC Verdes, que organiza INEO en colaboración con FEGAXE.
Segundo nos conta a asociación empresarial galega, na xornada achegaránselles aos asistentes as claves para detectar as novas oportunidades de negocio que hai nas cidades intelixentes aplicando novas tecnoloxías e informarase das ferramentas que teñen os profesionais á súa disposición para seren emprendedores verdes: plans de negocio viábeis, estratexias que sexan referentes a seguir, formación e asesoramento axeitado...
Contarase para esta actividade con dous relatores con amplos coñecemento na materia. Por unha banda Jacobo García Durán, especialista na posta en marcha ou relanzamento de proxectos ou empresas de nova creación, con experiencia en Administración Pública, consultoría para entidades sen arela de lucro ou dinamización de redes de investidores. Pola outra, Miguel Caneda Barreiro, especialista en formación e asesoramento de emprendedores, con experiencia en dirección de proxectos así como na coordinación e na formación de recursos humanos.
A asistencia á xornada é de balde, informa INEO, que nos recorda que a actividade desenvólvese o vindeiro luns 18 de novembro, ás 10.00 horas, na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (no número 54 da rúa do Vilar, en Santiago).

PUBLICIDADE