Imatia patrocinará a entidade brasileira encargada de impulsar as TIC nos concellos

martes, 22 de marzo do 2016 Redacción

A empresa galega Imatia, especializada en desenvolvemento rápido de software para empresas e administracións públicas, vén de establecer un acordo de colaboración coa entidade brasileira ABEMTIC. En virtude desta alianza, a firma da nosa terra achegará ao devandito organismo o seu coñecemento e experiencia en materia de adopción de novas tecnoloxías para o ámbito das institucións públicas. Por exemplo a experiencia obtida a través da implantación da plataforma Cividas (desenvolvida por Imatia) en múltiples eidos administrativos. Sen ir máis lonxe, Cividas está no alicerce da recentemente estreada sede electrónica do Concello de Pontevedra.
Como lembraremos, Imatia foi quen de medrar de xeito considerábel en Brasil dende 2013, ano no que comezou a súa andaina coa Prefeitura de Valinhos, unha localidade de 100.000 habitantes pertencente ao Gran São Paulo, que decidiu introducir Cividas na súa área de Urbanismo e publicar a súa Sede Electrónica. Asemade, afrontouse a dixitalización de 50.000 fichas catastrais, con captura automática de toda a información que conteñen.
Froito deste proxecto, e co obxectivo de estreitar ligazóns coas entidades brasileiras que están envorcadas coa implantación da eAdministración no país, nace a colaboración de Imatia coa ABEMTIC (Associação Brasileira de Enteidades Municipais de Tecnologia da Informação e Comunicação). Trátase dun colectivo que desde 2005 reúne a un bo número de organismos públicos relacionados co sector TIC, promovendo a cooperación técnica e administrativa entre os seus asociados de todos os recunchos da xeografía brasileira. Imatia será a partir de agora patrocinador oficial desta importante asociación, á cal achegará a experiencia de seu co fin de mellorar a eficiencia das administracións brasileiras, o grao de desenvolvemento do seu sector TIC e, sobre todo, a calidade de vida dos cidadáns do país.
Recordar tamén que “co obxectivo de ofrecer un mellor servizo aos seus clientes e captar novas oportunidades no emerxente mercado brasileiro”, Imatia decidiu abrir o pasado ano 2015 unha filial neste país, converténdose a súa sede permanente na cidade de São Paulo na primeira localizada no continente americano.

PUBLICIDADE