Impulsan dende a UVigo un videoxogo para combater o cambio climático mariño
xoves, 27 de xaneiro do 2022
Ante a grande problemática do cambio climático e a suba de
temperaturas que afecta ao medio mariño, un equipo multidisciplinar
no que se atopan o Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo), o
centro AtlantTIC e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
(Universidade de Vigo), porá
en marcha o proxecto Misión Azul, baseado na elaboración dun
videoxogo interactivo. O obxectivo deste será dar a coñecer a
ciencia e a tecnoloxía ás xeracións máis novas e por extensión a
toda a sociedade, así como promover e concienciar á poboación para
que se preocupe por explorar neste ámbito de forma independente.
A iniciativa conta cun financiamento de 27.500 euros proporcionados
pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), e
tamén conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea. Segundo
indica Daniel Rey, director do CIM-Uvigo, “proporcionaranse unha
serie de ferramentas didácticas e innovadoras en educación
científica e mariña para trasladar á sociedade temas relevantes
sobre o cambio climático na ámbito mariño”
Videoxogo e contidos didácticos
No que respecta ao videoxogo, tratarase dunha historia na que nós
somos os protagonistas, poderemos interactuar co ecosistema mariño e
ir superando problemas reais que se dan actualmente nestes ambientes.
Antonio Pena, investigador de AtlantTIC, explica que o videoxogo non
terá unha feitura infantil, “mais unha creación que conteña
contidos didácticos é unha boa maneira de que os máis pequenos
aprendan e se divirtan ao mesmo tempo”, engade.
Alberto García será o encargado de asesorar a adaptación dos
contidos científicos a contidos didácticos. Este conta cunha ampla
traxectoria e experiencia na introdución de proxectos de
investigación no sistema educativo. Os contidos serán adaptados,
tanto para alumnado de 5º e 6º de primaria, como para sectores de
educación ambiental ou de divulgación científica.
Diferentes disciplinas, mesmo obxectivo
O proxecto fará convivir a disciplinas diferentes, como son a das
TIC e as ciencias mariñas, co obxectivo de xerar sinerxías de
traballo que den lugar a un mellor resultado. Esta iniciativa encaixa
no inicio do Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento
Sustentábel proclamado polas Nacións Unidas para 2021-2030, que
pretende formar novos técnicos e oceanógrafos creando novas redes e
infraestruturas de investigación.