InLugo facilitou en 2015 o achegamento ás TIC dun milleiro de maiores

martes, 5 de xaneiro do 2016

Os responsábeis da iniciativa InLugo para o fomento da vida saudábel e o envellecemento activo a través das novas tecnoloxías veñen de facer reconto das accións levadas a cabo en 2015. Segundo fai saber a Deputación de Lugo, da que depende a dita iniciativa (a través da Fundación TIC), até un milleiro de persoas maiores achegáronse ás vantaxes e múltiples beneficios das ferramentas dixitais a través dos 94 cursos organizados ao abeiro de InLugo. Foron actividades de formación de balde destinadas, como dixemos, a impulsar o envellecemento activo. Estas e outras cifras foron subministradas este luns pola vicevoceira provincial Pilar García Porto, quen informou tamén dunha nova convocatoria de 12 cursos para o ano que comeza.
Segundo fixo saber en detalle, ao longo de 2015 a Fundación TIC organizou 94 cursos en máis de 30 concellos e parroquias da provincia, nos que houbo un total de 1657 inscricións, “debido a que algunhas persoas se apuntaron a varios cursos”. Os cursos, dixo, “tiveron un enorme éxito e foron moi valorados polos Concellos, xa que permitiron ás persoas maiores traballar a memoria, atención, linguaxe cálculo e familiarizarse coas novas tecnoloxías, moi útiles no seu día a día”. García Porto explicou tamén que as sesións desenvolvéronse ao longo do pasado ano nas propias instalacións do InLugo, en consistorios, centros sociais e residencias de maiores duns 30 concellos do norte, sur e centro da provincia. Foron accións formativas sobre Internet, manexo de móbiles, redes sociais ou fotografía, entre outros moitos eidos tecnolóxicos, nos que traballadores da Fundación TIC ensinaron os maiores como desenvolverse coas novas tecnoloxías para mellorar a súa calidade de vida e fomentar o envellecemento activo.
En 2016 a Fundación TIC continuará coa encomenda de xestión do Centro de Innovación Social, que está dotada de 150.000 euros, para organizar máis cursos con persoal e medios materiais da TIC. Como dixemos, a Deputación de Lugo ten programada a celebración dunha ducia de actividades nas que poderán participar outros 180 maiores.
Son os seguintes cursos:
· Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece o teu ordenador
· Mantemos en forma o cerebro coa Wii
· Que son as redes sociais: descobre Facebook
· Atréveste con Internet? Axudámosche (2 edicións)
· Ximnasia mental coa tableta
· Escribe no teu ordenador empregando un editor de texto
· Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece a túa tableta
· O carteiro en internet: que é o correo electrónico
· Organízate co teu móbil
· Exercicio mental co ordenador
· Avanza e coñece todo o que poidas facer co teu smartphone.

PUBLICIDADE