InLugo pecha ano con accións divulgativas na provincia e un concurso TIC sobre O Apalpador

martes, 15 de decembro do 2015 Redacción

O Centro de Innovación Social InLugo (Fundación TIC, Deputación de Lugo) está a acometer a recta final de 2015 cun “amplo programa de actividades destinado aos lucenses de máis de 55 anos”. Esta escolma de iniciativas inclúe obradoiros en varios puntos da provincia sobre alimentación e sobre o emprego do aparello móbil e a tableta na vida cotiá. Tamén haberá actividades ligadas ás festas do Nadal, actividades que culminan o día 22 coa xornada Nadal: Sons e Recordos, aberta ao público na sede do InLugo. O programa arrancou este luns 14 de decembro e tamén abrangue a celebración dun obradoiro–concurso de fotografía dixital, o certame O Apalpador TIC, e máis unha exposición das instantáneas feitas polos maiores participantes acerca do dito persoeiro galego e das celebracións feitas arredor del.
Como dixemos, o InLugo desprazarase a unha ducia de concellos de todos os puntos da provincia para achegar a formación aos maiores: Trabada, A Pontenova, O Valadouro, Guitiriz, Láncara, Antas de Ulla, Vilalba, A Pobra do Brollón, Viveiro A Fonsagrada, Navia de Suarna e Monforte de Lemos. Impartiranse tres obradoiros, que comezarán o martes 15 de decembro. Son os seguintes: O móvil como ferramenta diaria (a idea é amosar as vantaxes do uso do teléfono móbil na vida diaria das persoas maiores, posibilitándolles os coñecementos para realizar chamadas de emerxencia ou o uso da alarma e da axenda para recordatorios), A tableta como ferramenta diaria (utilidades deste dispositivo: consulta de Internet, xestión dunha axenda ou cámara fotográfica; tamén se tirará partido da aplicación Sempre en activo para a prevención do deterioro cognitivo) e Nadal Saudable (os participantes empregarán as tecnoloxías a prol dunha alimentación saudábel).
Outra das actividades coas que o InLugo celebra o remate de ano é o obradoiro-concurso de fotografía dixital O Apalpador TIC. Neste caso, os asistentes familiarizaranse coas cámaras fotográficas dixitais, a creación dunha cota online ou o envío de arquivos por correo electrónico. Ademais, poderán achegarse ás redes sociais e desenvolver habilidades artísticas. O certame desenvolverase do 14 ao 18 de decembro, en horario de mañá. A exposición de fotografías e a entrega de premios celebrarse o 22 de decembro, durante a xornada Nadal: Sons e Recordos.
Ademais, e dentro da programación do terceiro trimestre de actividades do InLugo en 2015, desenvolveranse dous cursos do 14 ao 17 de decembro: Exercicio mental co ordenador en horario de mañá e Fai das túas fotografías unha felicitación de Nadal, en horario de tarde.

PUBLICIDADE