Industria achega preto de 900.000 euros en axudas para a Diverciencia

xoves, 26 de xullo do 2007 Raquel Noya

No marco do Programa de Sensibilización Social do Plan Galego de I+D 2006-2010 (IN.CI.TE.), a Consellaría de Innovación e Industria vai destinar 889.000 euros para a convocatoria de axudas correspondente ás accións de divulgación e comunicación científica e tecnolóxica (Diverciencia).
Segundo o proxecto de acordo, autorizado xa polo Consello da Xunta, Innovación vai convocar estas axudas co obxecto de promover o desenvolvemento de actividades de divulgación e comunicación científica e tecnolóxica que contribúan a fomentar unha cultura do coñecemento da ciencia e a tecnoloxía na nosa comunidade.
Ademais, estas actividades, que terán lugar en réxime de concorrencia competitiva, servirán para posibilitar que o conxunto da sociedade teña unha mellor percepción das actividades de I+D+i e da repercusión dos seus resultados na sociedade.
Poderanse beneficiar das devanditas axudas (que ascenden a 638.000 euros en 2007 e a 251.000 euros no 2008) tódalas entidades públicas ou privadas con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro de Galiza, con capacidade e actividade demostrada na realización de proxectos ou actuacións relacionados coa investigación científica, o desenvolvemento tecnolóxico, a difusión, divulgación ou comunicación da cultura científica.

PUBLICIDADE