Industria fornece un portelo único para asesorar en liña ás empresas do sector turístico

venres, 1 de marzo do 2013 Redacción

O Ministerio de Industria anunciou esta semana unha nova liña de asesoramento e apoio a empresas estatais do sector turístico a través do portal innpulsaturismo.es. Trátase, máis polo miúdo, dun portelo único de acceso e cobertura para catro eixes de actuación: liñas de financiamento de proxectos, convocatoria de axudas, nacionais e internacionais, apoio a emprendedores innovadores turísticos e apoio á internacionalización. A iniciativa, informa o Goberno, responde as necesidades expostas polos emprendedores e as PEME do sector, que sinalaron, entre outros, a complexidade dos procesos de procura de financiamento, solicitude de axudas e a apertura a novos mercados.
No primeiro eixe de actuación, o de Liñas de financiamento, facilitarase información sobre as axudas e os investimentos existentes, tanto públicos como privados, aos que empresas e os emprendedores poden acceder, orientándolles sobre a máis axeitada en función do proxecto a presentar. Respecto ao eido Incentivar o emprendemento, dicir que se encamiña a crear unha rede de emprendedores turísticos que permita o intercambio de coñecemento, a promoción de ideas e a conexión con outras redes. A liña Asesoría xestión axudas pon a disposición dos usuarios un servizo de asesoramento técnico preciso para desenvolver unha iniciativa empresarial ou fortalecer o desenvolvemento das empresas do sector. Apoio á internacionalización inclúe a creación dun catálogo tecnolóxico, no que se acubillarán os produtos innovadores aplicados á cadea de valor do sector; así como accións de promoción no exterior e información de licitacións internacionais para proxectos turísticos.

PUBLICIDADE