Industria publica unha nova análise da calidade do servizo dos operadores

luns, 17 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Unha vez máis, o Ministerio de Industria vén de pór á exame ós operadores de meirande volume de facturación que actúan en España. Os froitos deste traballo, feito a través da Comisión para o Seguimento da Calidade na Prestación dos Servizos de Telecomunicacións, inclúen todo tipo de datos –algúns máis técnicos ca outros- referentes ós dous últimos trimestres de 2006 e os dous primeiros de 2007. Polo tanto, o obxectivo do estudo é medir a calidade do servizo que ofrecen as empresas que subministran telefonía fixa, móbil, acceso a Internet e consulta telefónica.
A novidade deste traballo con respecto a anteriores edicións é que en virtude da Orde de Calidade aprobada en marzo de 2006, a partir de agora non só os operadores de telefonía fixa e e móbil estarían obrigados á publicación trimestral dos seus datos de calidade, senón tamén as operadoras do servizo de acceso a Internet, estas últimas a partir de outubro. Estes informes achegarán datos referentes a tempo de espera para conexión inicial, número de avarías e tempo de reparación ou servizos de atención ó cliente.
A investigación devandita do Ministerio achega as medicións realizadas en Telefónica de España, Ono, Euskaltel, R de Galicia, Telecable, Comunitel, Jazztel, Orange, BT, Ya.com e Tele2-Comunitel. Isto polo que respecta á telefonía fixa. No eido da telefonía móbil, avaliouse o servizo de Telefónica Móviles, Vodafone e Orange. En números de consulta, analizáronse os seguintes: 11822, 11811, 11824 e 11888.

PUBLICIDADE