Industria publica unha web cos prezos de tódalas operadoras en España

venres, 7 de decembro do 2007 Raquel Noya

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio vén de publicar na súa páxina web da Oficina de Atención ó Usuario de Telecomunicacións, os prezos de acceso a Internet de banda ancha que foron achegados polos principais operadores e refírense ós distintos rangos de velocidade nos que se empresta o servizo.
Coa publicación destes datos na Internet, o Goberno pretende “incidir na información e a transparencia de prezos deste servizo de acceso a Internet en beneficio dos consumidores”.
Os devanditos prezos, que exclúen os descontos e ofertas de promoción comercial que con frecuencia realizan os operadores, van ser actualizados cada quince días e permitirán que os consumidores analicen ben as alternativas que hai (tendo en conta o conxunto das características que inclúe cada unha ademais do prezo) antes de seleccionar ós seus provedores de acceso a Internet.
A publicación limítase ós prezos das ofertas que os operadores dirixen ó mercado residencial, polo que non están incluídos os operadores que de xeito ocasional están presentes no mercado empresarial.
Esta medida está orientada a proporcionar maior protección e confianza ós usuarios e engádese ó conxunto de actuacións que o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio leva desenvolvendo ó longo da actual lexislatura.

PUBLICIDADE