Industria quere protexer aos usuarios afectados polo peche dos sistemas TRAC

xoves, 29 de maio do 2008 Raquel Noya

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio vén de aprobar unha resolución mediante a cal lle impón Telefónica de España unha serie de condicións para pechar os antigos sistemas de Telefonía Rural de Acceso Celular (TRAC) coas máximas garantías e facilidades para os usuarios.
A operadora nacional, que se baseou nestes sistemas de telefonía móbil analóxica para acadar a universalización do servizo telefónico fixo nas zonas rurais e dispersas, está agora obrigada a devolverlle ó Estado (antes do vindeiro 31 de decembro) as frecuencias da banda de 900 MHz que viña empregando nos devanditos sistemas.
Segundo vén de informar o Ministerio encargado de aprobar a Resolución, dos máis de 350.000 usuarios que, no seu momento, estiveron conectados polos sistemas TRAC, “só fican na actualidade uns 25.000 aboados”, todos eles afectados que Industria quere agora “protexer” ditando unha serie de instrucións expresas a Telefónica.
Basicamente, a devandita Resolución indica que Telefónica deberá informar debidamente ós aboados afectados e realizar a migración das súas liñas a outras novas con capacidade de facilitar o acceso funcional a Internet.
Asemade, a migración realizarase sen custe algún para os usuarios e as solicitudes que se fagan antes do 1 de outubro deste ano deberán ter garantida a continuidade do servizo. Telefónica tamén deberá remitir comunicacións individualizadas a cada aboado (a lo menos con tres meses de antelación) informándolle das datas de apagado dos sistemas, a garantía do mantemento do seu número de teléfono, a gratuitidade da migración, a colaboración que precise do aboado para instalar a nova liña e o teléfono de atención ó cliente. No caso de que algún aboado non resulte localizable e a súa liña se dea de baixa por finalizar o prazo, este disporá de todo o ano 2009 para solicitar a súa rehabilitación sen custe algún.

PUBLICIDADE