Ineo desenvolve un programa de inserción laboral no tecido tecnolóxico galego

mércores, 28 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

A asociación empresarial galega Ineo está a formar a 30 profesionais nuns perfís profesionais moi específicos e moi demandados polo mercado tecnolóxico para que se incorporen ás empresas a partir de marzo deste ano. Os perfís nos que se capacitan arestora aos futuros traballadores correspóndense cos dun analista funcional e o dun programador.net. Estes candidatos a seren contratados polas empresas de Ineo están a recibir un curso de formación de 240 horas lectivas en centros de formación homologados nas cidades de Vigo e de A Coruña. Insertic é un proxecto promovido por CONETIC, (Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información) da que Ineo forma parte e na que participan outras asociacións do sector tecnolóxico do resto de España.
Financiado polo Ministerio de Traballo, o programa pretende formar a profesionais en distintas especializacións técnicas e tecnolóxicas garantindo que no prazo de seis meses trala impartición das accións formativas se contrate ao 60% dos alumnos que superaron con éxito o proceso formativo.
Segundo apunta a asociación empresarial galega, a realización deste programa formativo correspóndese cun obxectivo estratéxico propio de seu, que é o de responder ás necesidades de cualificación permanente dos profesionais do sector TIC en Galicia, representados no seo da entidade, para asegurar a mellora das súas competencias individuais e o seu desenvolvemento profesional.
Desde a asociación consideran que a formación, tanto dos/as mozos/as que se incorporan como novos profesionais á actividade como a dos/as xa empregados/as, é un elemento vital de avance xeral e satisfacción do persoal. Máis aínda no caso dun sector que basea a súa actividade en valores intanxibles intensivos en coñecemento e no que o capital intelectual é o principal activo. Actualmente o sector TIC é unha fonte de emprego de gran crecemento para persoal cualificado, sobre todo de carácter técnico.

PUBLICIDADE