Ineo deu conta do potencial da innovación aberta

luns, 26 de setembro do 2011 Redacción

A asociación Ineo convocou unha vez máis aos nosos profesionais TIC para fomentar a busca, en clave conxunta e participativa, dos mellores métodos para ser máis rendíbeis e competitivos. Desta volta, a columna vertebral da cita, o novo Foro Ineo da Sociedade da Información, foi a innovación aberta e tódalas vantaxes desta metodoloxía de traballo no camiño do éxito empresarial. Vantaxes ás que se chega, entre outras cousas, a través dunha meirande marxe de cooperación con profesionais externos á nosa firma.
Así se fixo saber no epígrafe da cita, Open Innovation e novos modelos de negocio TIC, e así o fixeron saber os relatores convocados á xuntanza, entre os que se incluían o interim manager Santiago Pérez-Castillo, o enxeñeiro de Telecomunicacións e especialista en I+D Alexandre Bastos e a enxeñeira informática e directora de negocio Lisa Martínez Gomis.
A apertura da xornada correu a cargo do presidente da asociación galega, Jorge Cebreiros, canda a directora de BIC Galicia, Maite Cancela, e Norberto Penedo, do IGAPE. Interviñeron a continuación os devanditos relatores, para pechar cun interesante debate no que o público tivo a oportunidade de participar.
Segundo nos conta Ineo, Lisa Martínez Gomis, directora de desenvolvemento de negocio en Exa Series/Oracle, centrou a súa conferencia no cloud computing, mentres que o enxeñeiro de Telecomunicacións e experto en I+D Alexandre Bastos, socio director en iQube, falou sobre stakeholders e open innovation. Pola súa banda, o interim manager Santiago Pérez-Castillo, socio director en Del Diagnóstico a la Ejecución, explicou como adaptar o modelo de negocio da empresa aos cambios do mercado.

PUBLICIDADE