INEO e AJE Pontevera únense para impulsar a creación de novas iniciativas TIC

venres, 24 de maio do 2013 Redacción

A asociación INEO e a Asociación de Empresarios Novos de Pontevedra (AJE Pontevedra) van unir forzas a prol do emprendemento tecnolóxico-dixital na nosa terra. Así o deron a coñecer este venres os respectivos presidentes das dúas entidades, Jorge Cebreiros (INEO) e Lucía Pedroso (AJE Pontevedra), no acto de sinatura oficial dun convenio dirixido a favorecer e impulsar a creación de novas iniciativas TIC galegas ou ben contribuír ao desenvolvemento das que estean a iniciar a súa andaina. Á formalización deste acordo, celebrada este venres na sede viguesa da Confederación de Empresarios de Pontevedra, asistiron tamén (amosando o seu apoio total á alianza e ao que esta implica) os presidentes da CEP, José Manuel Fernández, e de AJE Galicia, José Manuel Valenzuela.
A colaboración entre as dúas asociacións ten como obxectivo concreto, segundo explicaron, impulsar o espírito de emprendemento no sector TIC ou entre as compañías que empreguen as novas tecnoloxías da información como alicerce tecnolóxico para confeccionar a súa estratexia de negocio. Trátase pois “dun paso en firme cara ao afianzamento deste eido como actividade-motor do desenvolvemento empresarial, económico e social en Galicia”, sinalaron. A xuízo de INEO e AJE Pontevedra, “as novas tecnoloxías son unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento de calquera actividade de mercado”. En base a isto, INEO pon a disposición de emprendedores e empresas noveis de AJE Pontevedra o seu coñecemento e ampla experiencia no devandito ámbito. A patronal de empresas TIC achegará, máis polo miúdo, asesoramento tecnolóxico e funcionará como intermediaria entre os seus membros e as empresas de AJE Pontevedra para procurar a solución que mellor lle acaia ás necesidades destas. Nesa liña, executaranse tamén programas formativos conxuntos sobre temas transversais para ámbalas dúas entidades ou específicas das TIC. A maiores, colaborarán no desenvolvemento de accións de divulgación e sensibilización promovendo eventos de networking e proxectos de fomento da creatividade empresarial.

PUBLICIDADE