Ineo impulsará a implantación das TIC en diversos sectores da economía galega

venres, 21 de maio do 2010 Raquel Noya

INEO, asociación de referencia no sector das Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación no noso país que conta na actualidade con máis de 80 empresas asociadas e unha facturación conxunta de 250 millóns de euros, vén de anunciar que logo de celebrar a súa VII Asamblea Xeral, a directiva decidiu seguir a potenciar este ano o seu labor de prescrición tecnolóxica en diversos sectores produtivos de Galicia para, entre outras cousas, “impulsar o seu desenvolvemento económico a través das vantaxes que presentan as TIC”.
Este foi un dos obxectivos aprobados na devandita Asamblea Xeral de INEO, celebrada onte en Santiago de Compostela, e na que participaron representantes das máis de 80 empresas que forman parte desta importante organización.
Isto significa que Ineo, que xa é o principal prescriptor tecnolóxico de diversos sectores da economía galega, como o textil, as artes gráficas ou o medio rural, vaise converter tamén na organización de referencia para o asesoramento e a implantación de solucións TIC que impulsen o crecemento destes sectores e melloren os niveis de produtividade e competitividade das empresas que os compoñen.
En palabras de Jorge Cebreiros, presidente de Ineo, “a Asociación estase a consolidar como referente tecnolóxico da economía galega e mediante a sinatura de novos convenios de colaboración con asociacións sectoriais, Ineo dinamizará a aplicación de solucións TIC para estimular o desenvolvemento empresarial”.
“Este é o mellor camiño, ademais”, engadiu, “para abrir novos mercados e xerar novas oportunidades de negocio para as empresas asociadas”.
A segunda gran liña de traballo que vai desenvolver Ineo ao longo deste ano é o posicionamento do sector TIC galego nos foros tecnolóxicos que maior influenza exercen nas políticas de I+D. Para isto, Ineo vén de anunciar que establecerá alianzas e convenios de colaboración con outras organizacións tecnolóxicas de referencia, tanto no panorama nacional como internacional.
Os principais obxectivos destas alianzas son, segundo afirman, “a defensa dos intereses do sector TIC galego e o posicionamento das empresas que forman parte da Asociación”.
Cebreiros explicou que “este ano será clave para o sector TIC en Galicia” e que Ineo vai impulsar a presenza das súas empresas tanto a nivel internacional como dentro da propia Comunidade, apoiando as iniciativas tecnolóxicas xestadas dende aquí.
Deste xeito, outro dos grandes obxectivos de Ineo para este exercicio é a captación dun maior volumen de investimento europeo para proxectos tecnolóxicos desenvolvidos pola propia organización ou polas súas empresas asociadas.
Na actualidade, segundo afirman dende a organización, Ineo xa solicitou catro proxectos INTERREG e está previsto que, ao longo deste ano, se soliciten novos proxectos a outras convocatorias.

PUBLICIDADE