Ineo insiste no seu novo informe nas claves para superar a crise: coñecemento, colaboración e competitividade

xoves, 18 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

Se a crise fose un temporal con risco de naufraxio, o coñecemento constituiría unha boa parte do que precisaríamos para chegar a bo porto. Nestes tempos en que semella que nin o ladrillo nos vai salvar da desfeita (máis ben, e proseguindo en termos semellantes aos náuticos, estase a converter en lastre), albíscase unha nova orde, non sabemos se mellor ou peor, pero en certa medida máis axeitada para o que Galiza representa. Dito doutro xeito: o coñecemento, materia prima exportable de primeira orde, é a comunicación co mundo pola que estabamos a devecer dende hai séculos. Unha orde de cousas na que o ladrillo a toda costa (e nunca mellor dito) ten moi pouco que dicir. Esta aposta pola información de valor e por todas as actividades derivadas da actividade innovadora e a investigación é precisamente o alicerce do novo proxecto presentado por Ineo, a asociación empresarial galega que traballa no reforzamento da presenza tecnolóxica de Galiza no mundo.
Trátase do Informe Ineo 2008, un completo estudo no que se avalía cada un dos factores que posibilitan incrementar os niveis de produtividade das empresas galegas. A investigación, que ten valor como folla de ruta particular (para as nosas compañías) e xenérica (para as empresas do mundo), apóiase nunha vontade de ser un instrumento práctico: o manual galego dos mercados internacionais.
O informe, que se elaborou a partir dos datos achegados polas empresas do sector das novas tecnoloxías asociadas a Ineo, xorde con outro obxectivo clave que, ao igual que o devandito, tamén vai do máis específico ao universal: converterse en ferramenta de utilidade para calquera empresa de calquera sector interesada en saber de primeira man cal é a súa posición con respecto ás empresas da competencia.
Aproveitar o pulo competitivo TIC
Máis polo miúdo e segundo nos conta a propia asociación, o funcionamento do informe é o seguinte: a través da comparación dos datos da propia empresa cos datos das firmas da competencia, o informe opera a xeito de guía en materia de competitividade no eido do sector TIC na nosa terra e é un instrumento de referencia para a planificación das actividades de apoio e de fomento do sector para Ineo e para as administracións. Disto, sinala Ineo, dedúcese o elevado potencial do informe como pulo á extrapolación do modelo colaborativo do sector TIC galego (un sector afeito a cooperar e competir ao mesmo tempo, en equilibrio) aos restantes eidos do noso tecido económico. Porén, apúntase na investigación, isto non quere dicir que a innovación, as melloras tecnolóxicas e o investimento en produtividade sexan exclusivas do eido TIC en Galiza. Neste senso, o estudo tamén vai dirixido a dar a coñecer o forte pulo á renovación que se está a rexistrar en ámbitos como a confección, o naval, o automóbil ou a alimentación.
Semente de plans estratéxicos
Para Ineo, un dos grandes valores do informe reside nas utilidades que ofrece ás empresas á hora de elaborar plans estratéxicos, xa que lles posibilita unha visión global de cales son os seus niveis de intensidade competitiva. “Esta é a mellor ferramenta que se lle pode subministrar ás empresas de cara á elaboración ou adaptación de estratexias empresariais e plans de negocio”, comentou o presidente de Ineo, Jorge Cebreiros, no acto de presentación do estudo celebrado os pasados días en Vigo.
Acto de presentación
Amais do presidente de Ineo (Jorge Cebreiros), na posta en longo do estudo perante os profesionais galegos e os medios de comunicación tamén participaron a delegada do Estado para a Zona Franca de Vigo, Teresa Pisano Avello e máis o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Álvaro Álvarez-Blázquez. Por certo que a súa concorrencia no acto non foi simplemente testemuñal: tanto o Departamento de Servizos Avanzados da Zona Franca como o IGAPE apoiaron activamente a elaboración do estudo. Neste senso, sinalaron, a existencia dun traballo destas características, feito a partir da colaboración e co obxectivo da colaboración, reforza as posibilidades do noso tecido empresarial de cara a crear fronte común perante unha crise que, por desgraza, moi probablemente non deu aínda a súa última palabra. Por certo que o Igape aproveitou este espírito de superación de atrancos -e a presenza das empresas galegas- para presentar a súa nova liña de axudas: apoios ao financiamento para pequenas e medianas empresas en colaboración con distintas entidades bancarias, entre as que se contan a galega Caixanova ou o Banco Sabadell, que tamén contaron con representación no acto.
Ineo: máis de 80 empresas e 3.300 traballadores
Ineo é a Asociación Multisectorial das Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación de Galicia. A día de hoxe, está composta por máis de oitenta empresas do sector das redes e do dixital, máis polo miúdo dos eidos do hardware, o software, as redes e as telecomunicacións, a Internet e os seus contidos, a formación e a consultoría vinculadas ás TIC. As firmas ligadas a Ineo superan os 270 millóns de euros de facturación e todas elas dan emprego a preto de 3.300 profesionais. Asemade, as empresas da entidade traballan implicándose de xeito activo e sostido no desenvolvemento do seu contorno socioeconómico, “promovendo a implantación das novas tecnoloxías, a innovación baseada na xestión do coñecemento e a aprendizaxe permanente como elementos claves para competir nun contexto de mercado global”, sinala a propia entidade no seu manifesto de intencións.

PUBLICIDADE