Ineo mostra ante empresas de todos os sectores experiencias de éxito en blockchain

xoves, 4 de outubro do 2018 Redacción

Ineo, asociación de empresas de tecnoloxía de Galicia, xuntou esta tarde en Vigo un nutrido grupo de expertos en novas tecnoloxías destinadas a facilitar os procesos das empresas en toda a súa dimensión: de xestión, de comunicación, de seguimento e rastrexabilidade de bens, de promoción, de tratamento da información, etc. A xuntanza foi posíbel grazas a unha nova edición do Taller para a dixitalización Industria 4.0: Blockchain aplicado á loxística, a eficiencia enerxética e a automoción.
Na cita participaron, tamén, unha manchea de empresarios de diferentes sectores, interesados polas potencialidades que pon en xogo o sistema blockchain, unha tecnoloxía que salienta (entre outros motivos) por posibilitar a transferencia de datos dunha maneira cen por cen segura grazas a unha codificación avanzada que ceiba o camiño de intermediarios que comproben a información.
Neste obradoiro, inserido nun ciclo de relatorios que Ineo organiza co apoio do IGAPE, a asociación contou coa participación de Ledger33 Technologies, Godenigma e Xesol Innovation. A idea era que representantes destas tecnolóxicas galegas compartisen a súa experiencia e botasen luz sobre os servizos que están a prestar da man de blockchain, e todo desde tres orientacións diferentes.
Carlos Abal, presidente de Ineo, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes e introducir a temática protagonista do taller. Durante a súa intervención, agradeceu a colaboración das tecnolóxicas participantes. “Organizamos este novo evento para achegarvos casos reais das vantaxes da aplicación desta tecnoloxía á rastrexabilidade e á cadea de valor dun ben, á redución do consumo e aforro enerxético e ao sector do motor”.
Antonio Comesaña, vicepresidente da Asociación Galega de Blockchain e IoT e director executivo (CEO) da empresa Ledger33 Technologies, comezou a súa intervención presentando a asociación á que pertence, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como principal misión divulgar a tecnoloxía de bloques de cadeas a todas as capas da sociedade e ofrecer asesoramento e soporte para o seu desenvolvemento técnico ao sector empresarial e organismos públicos.
Seguidamente, explicou os servizos que realizan desde Ledger33 Technologies, unha entidade que traballa para que os datos xerados por un produto ou servizo sexan certificados, inmutábeis e rastrexábeis desde a súa orixe até que chegan ao consumidor. Comesaña definiu o blockchain como “un libro maior de acontecementos dixitais que está distribuído e que só pode ser actualizado a partir do consenso da maioría de participantes do sistema e unha vez introducida a información nunca pode ser borrada”.
Pola súa banda, Pablo Gajino, director de operacións de Godenigma, empresa de tecnoloxía e innovación para o sector fintech e industrial, falou das aplicacións blockchain á eficiencia enerxética. Durante a súa intervención salientou que esta tecnoloxía aplicada á captura e certificación de consumos enerxéticos, sempre integrada con ferramentas da Internet das Cousas (IoT polas súas siglas en inglés), “permite dar veracidade e confianza entre provedores e clientes á hora de calcular e medir aforros enerxéticos grazas a accións e reformas de eficiencia enerxética”.
Ademais, explicou en que consiste a solución Ithium - OTEA, que consta dunha plataforma de monitoraxe a distancia e telecontrol de instalacións, edificios ou cidades, que permite realizar políticas e análises de consumos enerxéticos de diferentes máquinas (aire acondicionado, auga, gas, electricidade) e implantar medidas para o aforro do consumo enerxético.
Gajino detallou os obxectivos que conseguen con esta aplicación. Por unha banda, certificar directamente desde as máquinas os datos adquiridos de consumo de calquera subministración ou máquina que consume electricidade, e pola outra, garantir a inmutabilidade dos devanditos datos que son críticos á hora de poder establecer os aforros de ano en ano.
Por parte de Xesol Innovation, José Nogueira, fundador da empresa, e Salvador Canas, enxeñeiro de deseño FPGA, abordaron o blockchain aplicado ao eido do motor. Durante a súa intervención realizaron unha presentación da compañía a través da súa principal misión, a de reducir o número de accidentes en estradas e colaborar no desenvolvemento ambiental sustentábel das cidades. Para iso, presentaron a opción de como integrar tecnoloxías DLT (Hyperledger Fabric, neste caso) con sistemas de comunicación V2X para aplicar nas Smart Cities co fin de diminuír o impacto dos problemas máis comúns de mobilidade: contaminación, accidentes, conxestión na rede viaria.

PUBLICIDADE