Inicia a súa andaina o campus virtual da igualdade laboral con máis de 800 usuarios

xoves, 21 de outubro do 2021 S. P.

O novo campus virtual de igualdade laboral arrancou este 20 de outubro. Fíxoo con máis de 800 usuarios inscritos e cun completo programa formativo de webinarios. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, foi a encargada de presentar a iniciativa, “un novo espazo dixital de teleformación que pretende dotar de ferramentas de calidade dun xeito gratuíto ás empresas, formadores e usuarios, ofrecendo información, formación e sensibilización”.
Lorenzana destacou que “co novo campus virtual en igualdade laboral, Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en impartir formación específica en ámbitos referidos a plans de igualdade na empresa, conciliación e corresponsabilidade, acoso laboral ou teletraballo, entre outros”.
O novo espazo dixital de teleformación ponse en marcha dous cursos de formació. Para acceder ao campus virtual é necesario inscribirse a través da páxina web aigualdadelaboral.gal. A formación que se oferta é de balde e segundo informou a conselleira, “está dirixida a toda a poboación, en xeral, e ao tecido empresarial, en particular”. As dúas accións formativas, que comezaron este 20 de outubro, céntranse, por un lado, en igualdade laboral con 8 horas de duración e 363 persoas inscritas para facilitar os coñecementos mínimos sobre o procedemento de negociación dos plans de igualdade no seo dunha organización; e, por outro lado, en prevención e tratamento do acoso sexual no traballo, de 10 horas de duración con 410 alumnos e alumnas para facilitar mecanismos para a identificación deste tipo de condutas.
Nas próximas semanas, Lorenzana explicou que se lanzarán dous novos cursos: un de 35 horas dirixido ás persoas negociadoras dos plans de igualdade e unha serie de talleres teórico-prácticos destinados ás persoas que participan nos procesos de selección, contratación, negociación colectiva, avaliación da actividade preventiva e, en xeral, en proxectos que se enmarcan no eido das relacións laborais no referido á aplicación do principio de igualdade. Ademais, celebrarase unha webinario sobre o rexistro administrativo dos plans de igualdade.

PUBLICIDADE