Iniciador Galicia abordou a publicidade na web como modelo de negocio

venres, 17 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Esta tarde o Instituto de Formación Financeira e Empresarial de San Pedro de Nós (Oleiros) acolleu unha nova entrega dos relatorios organizados por Iniciador Galicia, contando coa presenza de ducias de emprendedores tecnolóxicos galegos, que querían achegarse ao mundo da publicidade na Internet, o que ilustrou coa súa experiencia profesional Antonio Ortiz, co fundador de Weblogs S.L., quen contou a evolución da súa compañía, os distintos tipos de publicidade que hai na Rede e a súa visión sobre a mesma.
Ortiz comentou que a súa rede de blogs naceu nun momento no que a xente estaba desexando escribir para a web, polo que foi doado comezar cun modelo no que os redactores traballaban simplemente compartindo ingresos coa empresa, pero paulatinamente tiveron que ir evolucionando de cara á profesionalización dos seus colaboradores, estando a perseguir a dignificación do seu papel, polo que avanzan cara a un modelo no que o pagamento polos traballos estea baseado no tempo dedicado á elaboración das pezas e non ao tráfico que xeran (o que tamén precisa de controis de calidade rigorosos). Para facer iso posible é necesario manter uns ingresos publicitarios estables, o que na Internet é un reto no que “comézase de cero cada mes”, o que é un cambio moi importante fronte aos proxectos tecnolóxicos tradicionais (que normalmente teñen un desenvolvemento de meses/anos nos que a comercialización non é unha preocupación), factor do que hai que ser plenamente consciente ao querer vivir da publicación de contidos na Rede.
Precisamente nesta liña comentou que existen principalmente dous xeitos de vender a publicidade na rede: con publicidade masiva moi barata (o que fan buscadores, redes sociais e foros, que principalmente viven dos contidos xerados por outros) ou con publicidade cara (para garantir a sustentabilidade dos medios). Dende Weblogs S.L. optaron claramente por esta última opción, xa que a primeira só está ao alcance dunhas poucas plataformas en España.
Tamén comentou a problemática que supón a dependencia do tráfico prestado (principalmente provinte dos buscadores como Google) pois non existe ningún tipo de control sobre os factores alleos, de xeito que un simple cambio no algoritmo de busca de Google podería danar seriamente a economía dunha empresa que viva de publicar contidos na web, de aí a importancia de fidelizar aos usuarios.

Entre o público asistente figuraban numerosos profesionais e emprendedores do sector tecnolóxico galego

Para Ortiz a publicidade ten que seguir a evolucionar, buscando principalmente un coidado tanto no xeito de amosarse ao usuario coma nos seus obxectivos (non é o mesmo buscar consolidar unha marca que perseguir unha acción de compra puntual), deixando claro que na actualidade estamos nunha situación de crise na que hai que ser moi prudente á hora de emprender iniciativas baseadas en modelos de negocio baseados en publicidade, o que exemplificou ao comentar que na súa empresa só están a emprender novos blogs cando parten dun patrocinador que garanta uns ingresos mínimos iniciais.
O evento foi conducido por Miguel Lorenzo, consultor-asesor de empresas que tamén publica no blog Pymes y Autónomos de Weblogs S.L., quen indicou que o seguinte encontro será o 1 de mazo en Vigo, para volve á cidade de A Coruña no mes de abril.

Miguel Lorenzo adiantou que as vindeiras edicións de Iniciador Galicia terán lugar en Vigo e A Coruña

PUBLICIDADE