Iniciativa na Rede para asentar o uso de galego no noso fútbol

mércores, 19 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Xogadores do Deportivo da Coruña, fotografados por Cabalar, EFE

Que contribuamos á normalización do galego a nivel falado, non quere dicir que logo falamos o mesmo na escrita. Isto acontece moito en deportes como o fútbol, onde se dá a circunstancia curiosa de equipos de tódalas categorías informando só en castelán, e xogando en galego. No que atinxe a equipos grandes como o Deportivo, é ben probable que a nosa lingua fique oculta a tódolos niveis (para comezar, no nome do club). Darlle un pouquiño de equilibrio a este desaxuste é un dos obxectivos dunha nova iniciativa de Galegolab.org, a plataforma en liña para levar a nosa lingua onde xa non se atopa. Así o resumen: “É abraiante vermos como o Dépor ou o Celta ignoran a lingua de Galiza, tal como se foran equipos estraños á nosa terra”.
Con este motivo, púxose en marcha na Rede unha reivindicación para lembrarlles a estes clubs que amais dos seus logros deportivos, tamén poden recoller froitos culturais e lingüísticos. A iniciativa, en realidade, non é nova. Xa existe no Facebook un grupo chamado Un Dépor en Galego, do que forman parte máis de medio milleiro de internautas. A intención é tirar proveito deste xermolo e acadar un número maior de participantes co obxectivo de levar a cabo actos públicos, roldas de prensa e outras actividades de promoción ou reivindicación.
Empecemos por sumar, despois podemos estudar de que xeito se comeza a presionar e a reivindicar o uso do galego nos equipos de Galiza”, sinálase en Galegolab. Polo tanto, o paso inmediato a seguir é acadar unha “masa crítica”, unha cantidade abonda de xente para darlle forma a unha mobilización xenérica, e a partir de aí estudar as estratexias. Xa está dispoñible na rede o documento (.doc) con toda a información sobre a iniciativa.

PUBLICIDADE