Innovación prevé engadir este ano 33 novos centros á súa Rede de Dinamización da Internet

xoves, 22 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

Curso de mecanografía impartido pola Rede de Dinamización en Rubiá

A Rede de Dinamización da Sociedade da Informacion cumpre este 22 de xaneiro dous anos de actividade, tempo relativamente breve en termos tradicionais pero extenso no que se refire ao desenvolvemento de coñecemento tecnolóxico. Dito doutro xeito: o que en calquera outro de sector de acción dá importantes pasos cara a diante en cuestión de anos ou décadas, no dixital muda perante os nosos ollos, e é posible ver os cambios coma apercibir o movemento das agullas dun reloxo. Segundo fai saber o equipo responsable da iniciativa nun estudo-reconto de obxectivos acadados feito logo destes dous anos, a Rede de Dinamización da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información) constitúe arestora unha das claves do desenvolvemento socioeconómico do rural en Galiza. Neste senso, as previsións a medio prazo non semellan incluír unha baixada da garda: vanse habilitar 33 novos centros de dinamización ao longo de 2009.
Para levar a cabo o achegamento da poboación ás novas tecnoloxías dixitais, a Consellaría de Innovación instalou en 2008 un total de 19 aulas, das cales seis son centros propios, totalmente equipados con computadores que usan un sistema operativo libre e en galego, impresora en branco e negro e outra a cor, escáner, canon proxector, cámaras web, lectores de DNI dixital etc.
Sobre os datos xerais da Rede de Dinamización en toda Galiza presentados no seu informe-reconto, cómpre salientar que desde que a Rede iniciou o seu traballo decidido a prol da implantación en Galiza da Sociedade da Información, o número de usuarios/as da mesma non fixo máis que medrar. Por usuario/a enténdese a persoa que empresa os servizos ou as instalacións dun centro da Rede, tanto acudindo as actividades formativas como facendo uso libre do equipamento. No que se refire ás veciñas e veciños rexistrados, dicir que se a finais do pasado ano o seu número se situaba nos 4.150, hoxe anda a rentes dos 20.000.
Neste senso, os responsables da Rede inciden no que constitúe sen necesidade de afondar moito nos datos unha liña ascendente de participación cidadá. Dito doutro xeito: no último ano, a cifra de rexistradas e rexistrados cuadruplica á do primeiro ano de actividade. En total, a cantidade de ocasións que os veciños e veciñas fixeron uso destes equipamentos ao longo de 2008 chega até 144.156. No que atinxe ao sexo e ás idades das persoas inscritas, dicir que a Internet no rural, polos motivos que sexan, semella interesar máis ás mulleres: un 61% fronte a un 31% de homes. Se temos en conta as idades, a porcentaxe máis alta de usuarios sitúase entre a franxa que vai dos 35 aos 44 anos, e por debaixo dos 16. Para os responsables da posta en marcha da Rede de Dinamización, este é un dato de especial importancia, tendo en conta os atrancos tirados abaixo no sentido de acadar a partipación interxeracional: nenas, nenos e maiores todos eles reunidos baixo un mesmo tempo e compartindo unha mesma arela, a de vivir na Internet.

Datos sobre as características das/os usuarios

Para a Dirección Xeral de Promoción Industrial da Consellería de Innovación, responsable da Rede de Dinamización, esta cumpriu ao longo dos seus dous anos de actividade un importante labor formativo e de desenvolvemento personal da cidadanía participante. Dito para que se entenda: da porcentaxe total de usuarias e usuarios do equipamento despregado, un 54% teñen estudos a nivel de Graduado Escolar ou inferior. Asemade, das case 20.000 persoas que a día de hoxe empregan a infraestrutura, máis de unha cuarta parte atópase en situación de desemprego, sendo autónomas/os un 7%. Para os responsables da Rede, este dato é especialmente salientable, posto que (din) reflicte que se está a acadar un dos grandes obxectivos da inicitiva: chegar coas canles dixitais aos autónomos e co fin de facilitar na medida do posible o seu traballo e a produtividade das súas actividades empresariais e comerciais. Polo que respecta ás/aos estudantes, dicir que representan o 27% do total das/os inscritas/os, abranguendo o colectivo de traballadores/as por conta alleo un 21% do total. Os xubilados, pola súa conta, sitúanse arestora nunha taxa do 15%.

Achega a veciñas e veciños sen coñecemento dixital

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, segundo se fai saber no estudo-reconto co que abre o seu terceiro ano de vida, está a centrar unha parte dos seus servizos sobre onde máis son precisos. Dito doutra maneira: a Rede obtén a súa razón de ser na súa tarefa dinamizadora do dixital, e dificilmente se acadarían estes obxectivos alí onde a oferta da mesma é cumprida de abondo. Este compromiso de levar díxitos onde non os hai refríctese en datos como o que segue: o 44% das persoas que fixeron uso dos recursos da Rede ao longo deste tempo non tiña coñecemento informático algún, mentres que outro 32% contaba só con coñecementos básicos. Asemade, e ligando co anterior, o estudo sobre a actividade da infraestrutura tamén achega información sobre as posibilidades previas de acceso ás canles dixitais das/os usuarias/os. Neste senso, sinala a Dirección Xeral, a Rede actuou en boa medida como un achegador primeiro da Internet. De feito, un 31% das/os participantes non dispuña de computador no eido do fogar, situándose nun 62% as persoas que non teñen conexión á Internet na súa vivenda. Para os responsables da Rede de Dinamización, esta cumpre unha vez máis o seus obxectivos primordias: posibilitar a vida persoal e laboral na Internet de todas e todos aqueles que non tiñan ao alcance da man esta opción.

Un pouco de luz sobre o software libre

Se nun terreo xenérico, a Rede de Dinamización achega luz sobre as vantaxes e usos formativos e empresariais que achega a Sociedade do Coñecemento, a un nivel máis específico a iniciativa inclínase de maneira decididad pola face máis libre, aberta e universal desa Sociedade do Coñecemento. Ou sexa, que un dos seus obxectivos foi e será incidir no significado e nos beneficios da programación aberta. Neste senso, é importante saber que unha boa parte dos participantes no seu programa de actividades non tiña coñecemento algún sobre software libre: só un 15% dos asistentes amosou contar con algún tipo de información. Pola contra, o 58% das/os usuarios nunca escoitaran falar antes desta proposta informática, un eido de actividade programadora e divulgativa que libera a quen fai emprego dela das licenzas tradicionais por adquisición e que permite adaptala ás necesidades propias. Segundo informa a Consellería de Innovación a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial, a Rede está a servir en boa medida para as veciñas e os veciños se familiaricen co software libre, tanto nos empregos particulares que fan das instalacións como a través da formación impartida, “pois cómpre salientar que unha parte importante da alfabetización dixital que a Rede está a levar a cabo faise sobre código aberto”, sinálase no informe.

PUBLICIDADE