Innovación quere ampliar con 16 novos membros a Rede de Comercio Rural

xoves, 17 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

O rural galego, antano vivo e ben servido de poboación, leva anos perdendo peso económico e demográfico. Porén, o seu potencial segue a ser grande, sobre todo como fonte de recursos diametralmente opostos ós que pode achegar o eido urbano. No comercio, por exemplo, o rural ten moito que dicir, por si só e sen que sexa preciso forzar a mensaxe. Porén, o que si que cómpre fortalecer é a canle desa mensaxe: por unha banda, favorecendo a concorrencia do comercio en rede (precisamente) na Rede e, pola outra, con actividades desenvolvidas en común.
Con este obxectivo -o de incrementar a competitividade do sector- a Dirección Xeral de Comercio organizou esta semana unhas xornadas para dar a coñecer a Rede de Comercio Rural e os investimentos deste ano dedicados á ampliación da mesma (1,5 millóns de euros).

Ana Rúa, director xeral de Comercio, durante a inauguracion das xornadas de presentación do programa Rede de Comercio Rural Galego

Por certo que a iniciativa, que ten face visible na Internet as 24 horas do día, pretende acoller este ano a 16 novos establecementos.
Estes virían a engadirse ós catro (Casa Varela en Touro, Casa Xustáns en Pontecaldelas, Casa Rosa en Maceda e Casa Balsa en Ourol) xa adheridos durante o ano pasado, o primeiro de vida deste proxecto.
En termos da propia Dirección Xeral (que explicou os obxectivos xerais da plataforma nas ditas xornadas), a Rede vai encamiñada a “dignificar o sector comercial ó mesmo tempo que se crea o selo Comercio Rural Galega como garantía de calidade nos establecementos adheridos á mesma”.
Dende hai exactamente un ano, todos os datos relativos á iniciativa están na Internet ó alcance dos empresarios.

PUBLICIDADE