Innovación quere loitar a través do PEGSI contra a fenda dixital que nos afasta de Europa

mércores, 28 de marzo do 2007 Raquel Noya

Co fin de contribuír á eliminación dunha vez por todas da fenda dixital que nos afasta da Europa máis avanzada, o Conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, vén de presentar e defender no Parlamento o Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), o primeiro proxecto estratéxico co que contará Galiza nesta materia e que recolle o conxunto de iniciativas destinadas a afianzar nas nosas vidas o emprego das redes (e viceversa) para o noso país nos vindeiros catro anos. Para este proxecto, a Xunta conta cun investimento público de 810 millóns de euros, que van encamiñado (segundo apuntou Blanco) a converter a Galiza en produtora e exportadora de bens, servizos e contidos da Sociedade da Información, e deste xeito, contribuír ó desenvolvemento do propio sector galego das TIC.
O Plan recolle algunhas accións prioritarias para os cidadáns, como o espallamento da banda ampla ás vilas da xeografía galega, no que se inclúen 1.760 núcleos de poboación ou a extensión da telefonía móbil a outros 1.200 núcleos máis.
De seguires o programa con éxito, as expectativas para 2010 baséanse (como mínimo) en acadar que o 90 por cento da poboación teña acceso á internet de alta velocidade.
Outra das estratexias operativas do PEGSI é crear medidas destinadas a potenciar as empresas especializadas na creación de contidos dixitais así como outras actuacións de fomento de contidos galegos para Internet.
O PEGSI tamén contempla a integración de software libre na Administración Pública, a aplicación das TIC no tecido empresarial, a estratexia de Servizos Públicos de Calidade, previsións de inclusión e sustentabilidade e elementos para garantir o cumprimento do Plano Estratéxico, así como medidas puntuais de apoio ó dominio galego en Internet (“.gal”).

PUBLICIDADE