Innovatia 8.3 entrega o 8 de outubro os seus premios ao emprendemento feminino

martes, 29 de setembro do 2020 S. P.

Un recanto de formación e investigación TIC da USC nunha imaxe de Santi Alvite

A Universidade de Santiago confirmou que a entrega de premios do III Concurso Innovatia 8.3 desenvolverase o vindeiro 8 de outubro a través dunha sesión que se celebrará en liña por mor da COVID-19 no marco dun congreso homónimo. Como lembraremos, Innovatia 8.3 é un certame que promove o emprendemento universitario e feminino, baseado no coñecemento e na ciencia. A iniciativa, que vén con dúas categorías (Empresa de Base Tecnolóxica e Empresa Startup), é froito do convenio asinado pola USC e o Instituto de la Mujer.
Concorren neste certame aquelas emprendedoras que creasen empresas con presenza maioritaria de mulleres no seu Consello de Dirección ou Consello de Administración e que fosen postas en marcha co apoio dalgunha das universidades españolas ou dos OPI. O concurso tamén busca promover a igualdade de oportunidades no ámbito universitario e tecnolóxico.
As empresas candidatas optarán a dous galardóns. Por unha banda, o premio ao proxecto empresarial de base tecnolóxica dotado con 10.000 euros; e pola outra, o premio a proxecto empresarial startup dotado con 7.000 euros. En ambos os dous casos, a antigüidade do proxecto empresarial non pode superar os cinco anos. Cada proxecto empresarial participante poderá recibir como máximo un premio.
O comité avaliador terá en conta a viabilidade económica e financeira do proxecto; o grao de innovación do produto, proceso ou servizo; o volume de emprego creado ou proxectado; o carácter multidisciplinar do equipo promotor formado por mulleres e homes; así como ter en consideración políticas de igualdade, na actividade da empresa.

PUBLICIDADE