Inspira STEAM achegou referentes de tecnólogas a 1.000 nenas e nenos de 26 colexios de Pontevedra

xoves, 10 de xuño do 2021 S. P.

A cuarta edición do programa Inspira STEAM, unha iniciativa estatal capitaneada na provincia de Pontevedra pola Universidade de Vigo e a Deputación para achegar aos centros educativos a experiencia inspiradora de mulleres tecnólogas, presentouse este 9 de xuño da man da presidenta da entidade provincial, Carmela Silva e a vicerreitora de Alumnado e Estudantes, Natalia Caparrini. Na sesión fixeron balance desta iniciativa dende que arrancou en Pontevedra en 2018. Segundo fixeron saber, chegou a preto de 1.000 estudantes (497 nenas e 488 nenos) de 26 colexios da provincia da man de 76 mentoras.
A vicerreitora Natalia Caparrini salientaba que detrás da “escasa presenza feminina nas carreiras científicas e tecnolóxicas hai varios motivos, como a falta de referentes que inspiren ás nenas, a perpetuación dos estereotipos de xénero nas profesións ou o feito de que non se senten con cualificación suficiente para desenvolverse nun eido que perciben como eminentemente masculino”.
Para mudar a devandita situación, Inspira STEAM optou por fomentar as vocacións por titulacións de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría, artes e matemáticas (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths) entre as mozas, sendo as propias mulleres representantes destes eidos de actividade as que se achegan aos centros escolares para amosar ás nenas e nenos como desenvolven a súa carreira a través de sesións de mentoring grupal.
Na presentación Carmela Silva remarcaba que este proxecto “non é necesario, é imprescindíbel, porque a sociedade no seu conxunto ten que estar moi preocupada polo que sucede coas decisións que toman as nosas nenas na eleccións das carreiras que van estudar e que van determinar cal será a súa posición no mundo”.
221 estudantes de sete colexios
O programa Inspira STEAM naceu en 2016 na Universidade de Deusto e dende ese momento “foi aumentando, non só no número de participantes, senón nas comunidades autónomas que se adheriron ao mesmo”, apuntaba a vicerreitora. Na provincia de Pontevedra botou a andar da man da Universidade de Vigo en 2018, acadando cada vez mellor resposta entre os centros educativos. Na edición de 2020 participaron 221 estudantes (82 nenos e 139 nenas), dos cales 100 eran de 1º da ESO e 121 de 6º de Primaria. Xunto con eles traballaron ao longo do curso 26 mentoras, que desenvolveron as súas actividades nos colexios CEIP Josefa Alonso de Alonso de Vigo, CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas, CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos, CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal de Vigo, CPI Cova Terreña de Baiona, Colegio de Fomento Las Acacias de Vigo e Nuestra Señora de la Esperanza, de Vigo.
Na presentación dúas mentoras e un mentor que participaron en Inspira STEAM fixeron unha posta en común da súa experiencia nunha mesa redonda posterior ao acto, entre eles Fernando Jiménez, enxeñeiro de Telecomunicación de Gradiant e mentor de crianzas no CPI Cova Terreña de Baiona; Arantxa Sucasas, enxeñeira de Telecomunicación en Telefónica e mentora de nenas no CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal de Vigo e Ana Otero, enxeñeira Industrial en BorgWarner e mentora de nenos no CPR Santa Cristina de Vigo na edición 2018 e mentora de nenas no CPI Cova Terreña de Baiona, na edición 2020.
De cara á cuarta edición, o prazo de inscrición tanto de centros como de mentoras abrirá o vindeiro día 14. A sesión de formación terá lugar o 15 setembro en modalidade virtual.

PUBLICIDADE