Instagram devolverá a relevancia ás publicacións recentes

venres, 23 de marzo do 2018 Marcus Fernández

A mediados de 2016 Instagram fixo un cambio radical no seu funcionamento que consistía principalmente en deixar de amosar contidos en orde cronolóxica inversa, de xeito que dende entón é un algoritmo o que elixe as publicacións que vemos antes en función das nosas interaccións, provocando que se perdesen no esquecemento boa parte das publicacións dos usuarios máis activos e anoxando tanto a creadores de contido como a consumidores, o que quedou constancia co fugaz xurdimento de Vero, e conscientes do descontento dos usuarios dende Instagram anuncian que están a introducir cambios para dar un maior control sobre a visualización das publicacións, que agora serán máis recentes.
Non só procurarán que as primeiras publicacións que vexamos en Instagram sexan as primeiras en verse, senón que tamén mudan o xeito de refrescarse a cronoloxía, de xeito que están a probar un botón de novas publicacións que permitirá elixir cando se refrescará a listaxe de publicacións, para evitar o incómodo efecto de estar a explorar os contidos e ver como, de súpeto, aparecemos ao comezo de todo, cunha relación de publicacións actualizada e cunha grande dificultade para retomar a navegación no punto no que estaba anteriormente.
Durante os vindeiros meses realizarán outras máis melloras para facer que as publicacións de Instagram recuperen atractivo, xa que os cambios efectuados nas mesmas provocou que perdesen relevancia fronte ás historias, elemento efémero que encaixa menos na estratexia comercial de Instagram.

PUBLICIDADE