Instagram permitirá apelar o borrado de contas a través da súa aplicación

xoves, 18 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Instagram está a mudar as súas políticas de desactivacións das contas de usuario que non cumpren coas súas normas, buscando axilizar a eliminación das contas que reincidentes nas infraccións.
Até o momento desactivaban as contas que tiñan unha porcentaxe de contido que violaba as normas, pero agora tamén inclúen como criterio de borrado contas cun número determinado de infraccións nun marco de tempo, dun xeito semellante a como fan con Facebook (buscando así uns criterios máis uniformes).
Ante este endurecemento das condicións, Instagram está a activar un sistema de notificacións que dá a oportunidade aos usuarios con contidos polémicos a apelar o borrado, de xeito que poderán discutir se o contido publicado entra dentro da categoría de espido/pornografía, acoso, discurso de odio, venda de drogas ou terrorismo. Deste xeito, se un contido considerouse inapropiado por erro, poderá restaurarse, e as contas desactivadas tamén volverán estar operativas.
Realmente este procedemento xa existía, pero a través do soporte técnico do servizo, aínda que nos vindeiros meses pasará a funcionar directamente a través da aplicación de Instagram como unha opción máis.

PUBLICIDADE