InterGalNet servirá de adianto das principais novidades de Nadal no eido dos videoxogos

mércores, 16 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

Como temos repetido estes días en moitas ocasións, se cadra en máis ocasións das que sería aconsellábel, o outono está a ser especialmente pródigo en eventos ligados ás novas tecnoloxías da información, unha chea deles a coller corpo e desenvolvérense na nosa terra. O bo da cuestión é que hai eventos para tódolos gustos, mesmo para a mocidade que pide paso. Por exemplo InterGalNet, o encontro para a xuventude en liña que se celebra entre os días 15 e 17 de novembro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. A xuntanza, que se vai desenvolver ao longo de 72 horas, diríxese a reunir baixo un mesmo teito a cifra nada desprezábel de 2.000 seareiros das redes e dos videoxogos (cousas como FIFA 14, Call of Duty: Black Ops 2, StarCraft 2, League of Legends e Gran Turismo 5, que servirán de escusa para un completo programa de torneos).
Por certo que InterGalNet terá un custo de 20 euros por persoa e estará ligada á Internet cun caudal de 10 Gbps, asegurando unha conectividade máis que óptima para os usuarios. Lembrar que amais dunha LAN Party tradicional, InterGalNet tamén dará acubillo a unha zona de acampada, unha zona de lecer-espectáculo e espazos para actividades de paintball, exposicións e simuladores. Asemade, ao longo das tres xornadas nas que se desenvolve o encontro, probaranse in situ algunhas das principais novidades do eido dos videoxogos (produtos, consolas) e da informática de lecer, constituíndose en adianto do que vai deparar o mercado os días seguintes (a campaña de Nadal). A xuntanza está organizada e apoiada por un bo número de empresas e institucións galegas, entre as que se contan Intermax, Ozone ou Disco Azul.

PUBLICIDADE