Internautas advirten: coidado coas tentativas de fraude vía correo electrónico á volta da Semana Santa

luns, 9 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Á volta das vacacións, que é o que nos espera no traballo? Para os máis afortunados máis vacacións, un aumento de soldo e/ou un ascenso, ou un feixe de flores dun admirador ou admiradora, pero para o común dos empregados hai unha cousa que nunca falla e que sempre está aí ó regreso dos días do lecer para facérnolo máis “suaveciño” e máis “agradable”. Falamos do correo lixo en calquera das súas manifestacións: spam puro e duro (publicidade barateira de substancias farmacéuticas), intentos de fraude bancario ou comercial (phishing) e mesmo correos reenviados polas nosas propias amizades que non poden ser cualificados de outra cousa que de auténtico lixo. Bromas aparte, estamos parente un auténtico problema. Por unha banda, obrígasenos a empregar unha chea de tempo e de esforzos en desfacernos deses correos (podendo facer outra cousa) e, pola outra, sempre se corre o risco de que o noso entendemento falle (cousa ben posible) e sermos ó final vítimas deste subministro continuo e virtual de folletos de teletenda farmacéutica e carnada para timadores.
Segundo colectivos como a Asociación de Internautas, as posibilidades de caer nas redes de aqueles increméntanse en boa medida á volta das vacacións. Sobre todo porque é cando se rexistra máis actividade vía a Rede de consulta de gastos dos días de lecer, de letras que foron achegadas, de cartos que quedan para chegar a fin de mes, etcétera. Por outra banda, hai que ter este detalle en conta: non se pode subestimar a capacidade de esquecemento do ser humano internauta. Deste xeito, é probable que durante os días de vacacións o significado dos termos “phishing” ou “pharming” só suscitasen unha leve intranquilidade pasaxeira ou mesmo certo tipo de nostalxia de algo que xa non se lembra, pero o perigo é real, advirte o dito colectivo de internautas.
Segundo apunta nos seus máis recentes rastrexos pola Web, estase a producir nestas horas un importante número de tentativas de suplantación de Caja Madrid e do Banco Popular co obxectivo de facerse cos cartos dos clientes. Asemade, é moi probable que á volta das vacacións atopemos na carpeta de correo electrónico un e-mail no que se nos advirte de certos perigos de catástrofes inminentes ou de riscos na Internet para os nosos computadores. Este tipo de correos, moi comúns nestes días, adoitan a incluír entradiña (que, como as de moitos xornais sensacionalistas están especialmente deseñadas para espertar a nosa curiosidade) e unha ligazón na que nos prometen máis datos sobre o tema. Sobra dicir que o último que debemos facer é premer sobre esa ligazón. Segundo puidemos comprobar nós mesmos en Código Cero nas nosas propias contas de correo, estase a repetir sobremaneira a chegada dun e-mail no que se fala dun suposto virus terrorista na auga potable. O mellor que podemos facer con ese correo é eliminalo sen máis. Asemade, debemos fuxir como do diaño das falsas tarxetas de felicitación ou de volta ó traballo e dos supostos intentos de actualización dos nosos datos bancarios.

PUBLICIDADE