Investigadoras da UVigo estudan a influencia das tecnoloxías dixitais na saúde dos adolescentes

xoves, 4 de abril do 2024 S. P.

Coñecer o uso que as e os adolescentes galegos fan das tecnoloxías dixitais para a promoción da saúde é o propósito central do estudo que desenvolven as investigadoras da UVigo Ana Rey e Inés Táboas, no marco dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e coordinado pola Universidad Complutense de Madrid.
Con ese obxectivo, un proxecto da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo permitiu a adaptación dunha enquisa coa que as investigadoras buscan reunir agora as visións de 800 estudantes de secundaria de diferentes partes de Galicia.
“Diferentes estudos, no ámbito internacional, teñen constatado beneficios no uso da tecnoloxía dixital, pero tamén aspectos negativos, e este estudo busca coñecer o que está a acontecer cos nosos mozos e mozas, cal é o poder que ten a tecnoloxía para modificar as nosas condutas”, sinala Rey Cao. “Non falamos tanto da tecnoloxía nunha dimensión medicalizada, senón do seu uso para a promoción da saúde”, engade a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que incide en que se trata da primeira investigación que analiza estas cuestións con poboación adolescente en Galicia. O traballo insírese á súa vez no proxecto ¿Tecnologías digitales para estilos de vida saludables? Un estudio colaborativo para desarrollar pedagogías críticas sobre salud digital con y para jóvenes (SaludDigitalEdu), que coordina a investigadora da Complutense María José Camacho.
Coordinado por Rey e coa participación de Táboas, Camacho e da tamén investigadora da Complutense Irene Solves, o proxecto financiado pola Cátedra de Feminismos 4.0 tivo co obxectivo adaptar e traducir ao galego o cuestionario SaludDigitalEdu, así como pór a proba a súa efectividade a través dunha proba piloto na que participaron preto dun cento de estudantes. “Parecíanos fundamental que os mozos e mozas tivesen a oportunidade de participar nunha investigación formulada en galego”, sinala Rey Cao, que explica que a cátedra permitiu tamén realizar un modelo de enquisa con lectura óptica, o que vai permitir xerar unha ampla base de datos que abrangue un conxunto de variaeis relacionadas coa saúde e a imaxe corporal, a influencia destas tecnoloxías, as fontes de información das e dos adolescentes neste eido ou o seu grao de alfabetización en materia de saúde.
Agora, as investigadoras traballan nestes meses na realización de 800 cuestionarios anónimos, buscando que estean representados “centros moi diversos”, como apunta Rey Cao.
Rematada a fase de análise das enquisas que se están a realizar nestes meses, os diferentes centros educativos participantes recibirán un informe sobre o uso que fai o seu alumnado destas tecnoloxías dixitais. O proxecto no que participan oito universidades españolas e estranxeiras, abrangue tamén a realización doutros 1200 inquéritos en Madrid, xunto con outra serie de propostas dirixidas a promover “unha mellor intervención no eido da saúde e da tecnoloxía” nos centros de ensino, como iniciativas de “investigación-acción” nas que participará alumnado de secundaria.

PUBLICIDADE