Investigadores da USC crearán unha base de datos en liña sobre os nomes das Cantigas de Santa María

luns, 5 de febreiro do 2024 S. P.

O Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago achegou novidades sobre os seus estudos recentes en materia de Idade Media. Entre as súas liñas de traballo figura un proxecto centrado nos nomes propios que aparecen nas Cantigas de Santa María, tanto de persoas como de lugares, co fin de crear un dicionario en formato libro dixital e dunha base de datos na Rede. Á fronte deste proxecto está o doutor Manuel Negri, integrante da Asociación Hispánica de Literatura Medieval e da Sociedade de Estudos Medievais e Renacentistas.
O investigador indica que as Cantigas de Santa María foron obxecto de moitos estudos, pero case nunca se abordaron dun xeito sistemático en canto aos nomes propios que se mencionan nas composicións. Así, considerada a escaseza de publicacións exhaustivas sobre este aspecto, este proxecto busca emprender “un estudo en profundidade, innovador, que estará permanentemente actualizado grazas ao uso das novas tecnoloxías”.
Neste proxecto trabállase con topónimos e antropónimos a través da súa clasificación, rexistro e mesmo na súa desambiguación cando sexa necesario. Para cada un destes elementos ofrécese unha contextualización e explicación pormenorizada en relación ás Cantigas onde aparecen. O obxectivo final é a creación dun dicionario de fácil acceso e consulta -a través dunha edición en formato dixital-, así como dunha base de datos que reúna todos os nomes propios transmitidos polas Cantigas, xunto coas formas medievais de referencia e unha ficha explicativa de cada un.
Segundo explica o grupo da USC, a base de datos GloSabio, chamada así en homenaxe ao impulsor das Cantigas, o rei Afonso X O Sabio, é unha ferramenta dixital para a recuperación e a consulta de información actualizada e contrastada sobre topónimos e antropónimos mencionados nestas composicións da lírica galego-portuguesa. “Esta ferramenta será de grande utilidade para a comunidade investigadora, pero tamén está pensada para un público xeral e non especializado”, indican, engadindo que “está previsto que se poidan recuperar informacións sobre persoas e lugares a partir das formas que eses nomes teñen na linguaxe común”.
Nestes intres xa están rexistradas preto de 200 entidades nominais e ao redor de 300 lugares. De cada nome de persoa recóllese información como data e lugar de nacemento, data da morte, categoría e papel social. No caso dos topónimos, aparece información de carácter histórico e a correspondente súa situación xeográfica.
Para facer máis accesíbel esta ferramenta, está prevista a gravación dun titorial audiovisual pensado non só para un público menos especializado, senón tamén para usuarios con diversidade funcional ou baixa visión.

PUBLICIDADE