Investigadores da UVigo conseguen pasar o último test do seu satélite HumSAT-D

mércores, 20 de marzo do 2013 Redacción

Fernando Aguado xunto cos alumnos da Universidade e varios técnicos da ESA

Temos que falar estes días de novos achados galegos en materia de telecomunicacións. Máis polo miúdo, en materia de desenvolvemento de satélites, un eido de actividade no que xa teñen salientado, e moito, os investigadores da Universidade de Vigo (responsábeis do XaTcobeo, aínda en órbita e operativo). Pois ben, sen saírmonos da UVigo, falamos agora do HumSAT-D, un desenvolvemento que vén de superar positivamente o seu último test en Holanda, onde se atopa o equipo de alumnos (Alberto González e Jacob López, Diego Nodar e Daniel Docal) coordinado polo profesor Fernando Aguado, responsábeis do proxecto. Este último test é o derradeiro paso antes de que se aprobe o lanzamento, que podería levarse a cabo no mes de maio dende Rusia.
Os investigadores galegos atópanse arestora no European Space Research and Technology Centree, centro que a Axencia Espacial Europea ten en Noordwijk, Holanda. O seu obxectivo: realizar as probas finais de clasificación de voo, que se centran en test de termo-baleiro, sometendo o satélite tanto a altas como a baixas temperaturas para comprobar o seu rendemento e resistencia. Até o de agora, informa a Uvigo, os resultados están por riba mesmo do agardado. Os investigadores regresarán a Vigo na Semana Santa e, se non hai cambio de última hora, co visto bo da ESA baixo o brazo.
O satélite vigués pertence á constelación HumSAT, da que forman parte satélites, sensores e estacións de terra, e será posto en órbita polo foguete Dnepr dende Rusia xunto con outros oito satélites que serán enviados en tres lanzamentos distintos para estar en órbitas complementarias para cubrir o maior tempo e superficie posible da Terra. O HumSAT-D “é un satélite de comunicacións de baixa órbita que serve para recoller datos de sensores de baixa potencia e custe, uns 10 euros, que están localizados por todo o globo terráqueo e que servirán para recoller datos como polución, etc… que, a través dunha constelación de satélites, permite ter unha rede mundial de seguimento a baixo prezo”, segundo explicaba Fernando Aguado, coordinador do proxecto aeroespacial vigués. Entre outras utilidades, permitirán monitorizar parámetros para estudar o cambio climático en zonas sen infraestruturas de telecomunicación ou eléctricas, así como a transmisións de información urxente en situacións de emerxencia. O representante vigués nesta constelación ten un peso de 850 gramos e percorrerá unha órbita circular a unha altura constante de preto de 700 quilómetros.

PUBLICIDADE