Investigadores da Universidade de Vigo crean unha aplicación 2.0 que recomenda programas de TV

venres, 22 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Se hai algo no que nos poida axudar a tecnoloxía, e máis aquela que nos anima a participar na súa construción, é en contribuír a que perdamos menos tempo en buscar aquilo que nos gusta. Coma a condena do zapping, pero en positivo. Isto que semella pouca cousa, non é tal: do que se trata, malia a frivolidade posta pola nosa parte, é de sentar as bases da información ben xestionada. Así, ponse de manifesto unha vez máis a vella máxima de que máis vale unha boa maneira de chegar á información de valor, cá información mesma. Semellantes principios, pero aplicados á televisión (cunha carta de contidos que medra e que está a piques de saturarnos), tamén os podemos rastrexar na aplicación desenvolvida por un grupo de investigadores da Universidade de Vigo e da que informa conta estes días a Plataforma SINC, prestixiosa web especializada en divulgación e en ciencia. Máis polo miúdo, trátase dunha ferramenta 2.0, de tipo participativo, que filtraría a programación de centos de canles de televisión para elaborar finalmente recomendacións dos programas que máis potencial teñen para interesarnos segundo sexan os nosos gustos, horarios e concellos (previamente achegados ao sistema).
Estaríamos polo tanto ante unha nova rede social a engadir a outras moitas (Facebook, YouTube, Tuenti) pero cunha gran particularidade que a fai especialmente salientable: a diferenza doutras redes sociais, axúdanos a non estragar tempo e esforzos de xeito inútil. Arestora, informa SINC, a ferramenta xa está dispoñible para os estudantes e, tamén, para calquera internauta.
Por certo que tamén aparece detallada polo miúdo en IEEE Transactions on Consumer Electronics. Entre as súas principais vantaxes, como dixemos, atópase a de contribuír a pórlle fin á práctica do zapping. Ou, polo menos, limitalo até onde se poida (cambiar dunha canle a outra sempre será inevitable, pero polo menos que non sexa desesperante e que o froito acadado pague a pena).
A aplicación, desenvolvida para tirarlle o máximo partido á nova era da televisión (con múltiples canles dispoñibles a través da televisión dixital e por fíos), foi posta en marcha polo Laboratorio de Televisión Dixital Interactiva pertencente ao Departamento de Enxeñería Telemática da Universidade de Vigo. O seu sitio web é Queveo.tv, un espazo onde todo semella posto ao servizo de poñerlle orde á información en relación co punto de vista particular do usuario. Segundo sinala a SINC unha das responsables do proxecto, Ana Belén Barragáns; o público está hoxe exposto a unha sobrecarga informativa pola presenza de centos de alternativas televisivas, polo que se fai máis preciso que nunca que haxa recursos encamiñados á personalización, a mediar entre os produtos que se ofrecen e o receptor co obxectivo de que polo camiño, na distancia, fique aquilo que non interesa.
E prosegue a investigadora: “Co emprego combinado da aplicación ofrecida por Queveo.tv cun PVR (Personal Video Recorder) sería innecesario programar a gravación dos programas favoritos evitando mesmo a gravación dos anuncios ou, no peor dos casos, o seu visionado”.

PUBLICIDADE