Investigadores de atlanTTic participan nun proxecto para a xestión de enerxía eléctrica en vehículos lunares

xoves, 4 de abril do 2024 S. P.

Levar a cabo sistemas de potencia para vehículos ambulantes non tripulados (os chamados rovers lunares) combinando paneis solares, baterías e xeradores termoeléctricos de radioisótopos (RTGs-Radiosotope thermal generators) é o que ten entre mans un grupo de investigadores do centro atlanTTic (Universidade de Vigo) e as universidades de Oviedo e Leicester (Reino Unido). Trátase da iniciativa Advanced Management Power Electronics for Radiosotope and Solar (AMPERS), financiada pola Axencia Espacial Europea (ESA) cunha duración de dous anos.
A dita iniciativa foi elixida para o proxecto Power management conditioning for hybrid radioisotope solar power systems, financiado con 340.000 euros. Botou a andar en setembro de 2023 e estenderase até setembro de 2025.
Cómpre salientar que a participación da UVigo está liderada polo grupo Aerospace Technology Research Group, concretamente polos investigadores, e profesores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense Carlos Ulloa e Fermín Navarro, completando o equipo Alejandro M. Gómez, Alejandro Camanzo e Manuel Diz, todos eles membros do Centro de Investigación atlanTTic. O líder do consorcio é o grupo de Sistemas Electrónicos de Alimentación da Universidad de Oviedo, con Manuel Arias e Pablo Fernández á cabeza e José Antonio Álvarez.
O proxecto ten como obxectivo deseñar sistemas de potencia eléctrica que combinen as diversas fontes de enerxía, como son solar, RTG e baterías, de modo que se garantan as demandas enerxéticas dun vehículo ambulante non tripulado no polo sur lunar (lugar de interese científico pola posibilidade de que exista auga conxelada). Neste emprazamento, sinalan, combínanse: rexións nas que nunca loce o Sol, polo que non hai enerxía solar dispoñíbel e rexións nas que o Sol nunca se oculta. Un vehículo traballando nesta contorna debe acomodarse a ambas situacións. Porén, comentan os investigadores, as tres fontes de enerxía indicadas por separado presentan algúns contras.
As tarefas do consorcio de AMPERS comprenden o dimensionado das diversas fontes de enerxía para cumprir as demandas, minimizando a masa e o volume. Os investigadores participantes apuntan que unha solución que só empregase RTGs sería moi pesada e voluminosa, mentres que unha que só usase paneis solares resultaría inviábel, dada a falta de luz solar. No proxecto tamén avaliarán distintas arquitecturas do sistema de potencia co obxecto de minimizar as súas perdas.
A participación da UVigo nesta iniciativa dá continuidade á liña de colaboración existente coa Universidade de Oviedo centrada en misións á Lúa e á súa dilatada experiencia no control térmico de naves. Concretamente, o Aerospace Technology Research Group encárgase no proxecto de modelar a contorna térmica na que o rover traballará. Esta contorna térmica afecta á potencia producida polos paneis solares e os RTG, así como á operación das baterías. “Ademais, se as temperaturas fosen moi baixas, sería necesario o uso de calefactores. Estes calefactores contribúen á demanda de potencia eléctrica, polo que teñen un impacto nas tarefas que debe realizar a Universidade de Oviedo, o dimensionado das fontes de enerxía e do sistema de potencia”, indican desde a iniciativa. A Universidade de Oviedo desenvolverá os modelos de simulación do sistema de potencia e os seus prototipos funcionais. A Universidade de Leicester é o principal desenvolvedor en Europa de RTGs e no proxecto achegará modelos de simulación compatíbeis cos ideados pola Universidade de Oviedo. Facilitará tamén modelos eléctricos dos RTGs co obxectivo de simular o comportamento destes para a súa integración cos prototipos que se levarán a cabo.

PUBLICIDADE