Investigadores do CITIC participan non proxecto europeo cun financiamento de 3,39 millóns de euros

luns, 4 de febreiro do 2013 Redacción

O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC) participa nun proxecto europeo formado por outras 8 entidades que desenvolverán probas baseadas en propiedades para servizos web (PROWESS) para o que conseguiron un financiamento de 3,39 millóns de euros a través do Sétimo Programa Marco, principal instrumento de financiamento europeo para a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico.
O obxectivo do proxecto PROWESS é achegar ás empresas de software europeas ferramentas e técnicas que permitan someter os seus produtos a un proceso de proba sistemático, eficaz e eficiente, de xeito que mellore e garántase a calidade dos seus produtos antes da súa publicación. En particular, os membros do consorcio colaborarán coas empresas desenvolvedoras de software no ámbito dos servizos web e as aplicacións da Internet.

Unha oportunidade para a colaboración internacional

En concreto, os investigadores do grupo MADS do CITIC, coa investigadora Laura Castro á cabeza, desenvolverán métodos e ferramentas para que os creadores de software, especialmente os desenvolvedores de servizos web, poidan aplicar técnicas avanzadas de proba aos seus produtos, contribuíndo deste modo a mellorar a súa calidade e competitividade.
En palabras da investigadora, "este proxecto non é soamente unha oportunidade incrible de traballar con investigadores de importantes universidades e centros de investigación europeos, senón tamén de colaborar con empresas de varios países, facendo investigación que resulta directamente aplicable, porque traballamos cada día tendo moi presentes os problemas reais e os retos aos que as empresas desenvolvedoras de software se enfrontan á hora de poñer a proba os seus servizos web e as súas aplicacións de internet". Xunto cos seus socios no proxecto PROWESS, os investigadores do CITIC "aspiramos a conseguir que eses procesos de proba sexan máis rápidos e máis automáticos, porque os desenvolvedores de software normalmente gozan facendo software, e non tanto probándoo, pero probalo é esencial para garantir que todo funciona como se espera antes de que chegue aos usuarios".
Coa súa participación neste proxecto, o grupo de investigación MADS, que forma parte de CITIC, demostra que pode ser un referente no terreo das probas de software a nivel europeo.

PUBLICIDADE