Investigadores galegos botan o que sería o primeiro buque autónomo desenvolvido en territorio estatal

venres, 2 de decembro do 2016 Redacción

A ría de Vigo acolleu esta semana a presentación do que sería, en palabras dos seus creadores, o primeiro barco autónomo robotizado creado no ámbito estatal e o máis grande de Europa dentro das súas características. A botadura do buque Victoria (que ten doce metros de escolar e pesa catro toneladas) celebrouse este xoves en Bouzas e nela participaron os responsábeis do proxecto Ulises, do que xorde precisamente Victoria a xeito de prototipo: Industrias Ferri, o Grupo de Deseño e Automatización de Sistemas Avanzados (DASA) da Universidade de Vigo e o Centro Internacional de Métodos Numéricos en Enxeñaría (CIMNE). O obxectivo desta iniciativa é deseñar a probar a tecnoloxía precisa para “converter calquera embarcación nun vehículo marítimo autónomo e robotizado, que poida navegar sen tripulación e ser controlado na súa integridade a distancia”. Victoria servirá polo tanto para probar as ditas innovacións e corrixir e mellorar os sistemas.
Neste proxecto Industrias Ferri encárgase da integración completa do barco, CIMNE da estación de terra e a Universidade de Vigo, a través do grupo DASA dirixido polo profesor Fernando Vázquez, da robótica, control e intelixencia artificial. Asemade, participa a firma galega de novas tecnoloxías Imatia, subcontratada por Ferri para desenvolver o software de rexistro de datos da embarcación.
Un dos obxectivos dos investigadores é que “a tecnoloxía que se testa neste barco piloto se poida integrar en calquera embarcación, sexa un petroleiro ou unha lancha de salvamento”, sen necesidade de construír unha nova e específica. Segundo sinalou Ferri, a idea non é tanto funcionar como unha empresa estaleiro, desenvolvedora de buques, senón coa finalidade de fornecer aos clientes da posibilidade de robotizaren un barco. O proxecto, engadiron os responsábeis de Ferri, está enfocado a tarefas de vixilancia, por exemplo, en campos petrolíferos, campos eólicos offshore ou para prevención de furtivismo, inmigración ilegal, etc.

Os integrantes do Grupo DASA da Universidade de Vigo

Ricardo Samaniego, investigador do grupo DASA, explicou que o barco autónomo dispón dun láser en 3D semellante ao que emprega o coche de Google para recoñecer a contorna e evitar obstáculos. Ademais, sinalou, esta tecnoloxía está integrada con cartas náuticas para ter o perfil das costa, rochas, baixíos, zonas de navegación prohibida, etc. Este vimbios servíronlle aos responsábeis do proxecto para dar forma a un sistema de localización “máis moderno” cós que se usan decote nos buques e que se une a outros recursos avanzados como un sistema de cálculo de rutas, un sistema de seguimento, un de navegación reactiva que permite reaccionar ante obstáculos inesperados como un barco en ruta ou unha batea, etc. Precisamente o sistema de cálculo de ratos sitúase, en palabras dos seus creadores, entre o máis vangardista do buque, xunto co sistema de navegación. Este foi concibido para cumprir co estipulado no RIPA, o Regulamento Internacional de Prevención de Abordaxes, unha normativa de gran complexidade deseñada para ser comprendida e seguida por navegantes “humanos” e que, segundo engaden os investigadores deste proxecto, desta volta tivo que ser adaptada (con todos os detalles que isto implica) á “mente” dun robot.

PUBLICIDADE