Invizimals estreará o seu terceiro videoxogo en novembro

xoves, 8 de setembro do 2011 Marcus Fernández

A franquía creada pola española Novarama, Invizimals, volve á carga, e en novembro chegará ás tendas de videoxogos o xogo exclusivo para PSP Invizimals: Las Tribus Perdidas, que será a terceira entrega desta saga que está a acadar éxito internacional grazas á boa acollida que tivo a súa proposta que mestura unha mecánica de xogo tipo Pokémon coa realidade aumentada.
Este novo título continúa a aventura de Invizimals: La Otra Dimensión, incorporando 70 novos monstros (sumando un total de 150) para capturar, adestrar, loitar e intercambiar cos amigos. Como novidade, e atendendo a unha demanda do público, o xogo tamén incorpora un modo Tag Team Battle, que permite combater 2 contra 2 dun xeito máis dinámico e táctico, contando tamén con campionatos en liña.
O xogo poderá mercarse solto por 29,99 euros, nun pack con cámara e trampa por 49,99 euros e incluíndo tamén unha consola PSP-E1000 por 129,99 euros.
Os máis seareiros desta franquía tamén poderán levar aos Invizimals fóra da PSP, grazas ao álbum de cromos de Panine, á colección de figuras de Comansi e, agora, coa volta ao cole, cunha nova liña de artigos para o colexio da marca Safta que inclúe mochilas, carteiras, estoxos e moitos outros produtos máis que están dispoñibles nos puntos de venda habituais.

Para a volta ao cole os Invizimals tamén teñen unha liña de material escolar

PUBLICIDADE