Juan Antonio Corrales, investigador do CiTIUS, presenta un proxecto para achegar o sentido do tacto aos robots industriais

venres, 16 de abril do 2021 S. P.

Esta semana o investigador do CiTIUS Juan Antonio Corrales deu a coñecer internacionalmente detalles dun proxecto no que traballa e que se encadra no eido da Intelixencia Artificial no ámbito industrial e empresarial, un ámbito no que as novas tecnoloxías poden poñer o punto de eficacia, precisión, automatización e eficiencia que faltaba.
O proxecto SoftManBot foi presentado nun foro europeo este 14 de abril polo investigador do centro compostelán, relator convidado á xornada de traballo Soft objects robotics manipulation for the future of European factories (Manipulación robótica de obxectos deformables para o futuro das fábricas en Europa), organizada pola Asociación Europea de Robótica,
Corrales, que combina o seu labor no CiTIUS coa vertente técnica de SoftManBot (liderado pola escola de enxeñaría superior Sigma Clermont, Francia), fixo un repaso (no marco do European Robotics Forum) pola situación industrial actual e as súas necesidades.
SoftManBot é unha das catro iniciativas sobre manipulación robótica de obxectos deformábeis financiadas en 2019 en toda Europa a través do programa de excelencia en investigación Horizonte 2020.
De xeito complementario, o científico do CiTIUS participa na iniciativa conxunta ACROBA (AI-Driven Cognitive Robotic Platform for Agile Production environments), tamén en colaboración directa con Sigma Clermont, e presentada este mércores 14 de abril desde a institución coordinadora, a Universidade de Ciencias Aplicadas de Berna (BFH).
Detalles do proxecto
Ao longo da súa presentación Corrales mostrou o caso de uso dunha cela robótica nunha fábrica de xoguetes. Serviuse deste exemplo para explicar o enfoque e os desafíos tecnolóxicos propostos en SoftManBot, que conta con elementos comúns a outros ámbitos, como a industria dos pneumáticos, o calzado ou o téxtil. De feito, dixo, todos os obxectos producidos por estes sectores comparten “o feito de partir de materiais primas deformábeis”, polo que a súa manufactura implica afrontar tarefas que, na actualidade, requiren unha elaboración manual, como son, por exemplo, o desmoldeado de bonecas e solas de zapatos ou o ensamblado de pneumáticos e pezas deportivas.
Segundo explicou, “é común que estas tarefas se sigan a facer de maneira manual, polo que un dos maiores retos de SoftManBot é conseguir que o robot aprenda as destrezas manuais que ten o humano, sempre supervisado por el, amais do sentido do tacto”. E engadiu: “Trátase de crear mans robóticas destras para desempeñar tarefas que, a día de hoxe, seguen tendo un enorme compoñente manual”; un obxectivo de enorme interese para a industria, tal e como demostra o interese de multinacionais como Michelin ou Decathlon en formar parte do consorcio deste proxecto.

PUBLICIDADE