Katamari chega ao iPhone

luns, 15 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Katamari Damacy e We Love Katamari son 2 orixinais xogos que acadaron moito éxito na PlayStation 2 de Sony, e agora queren trasladarse ao iPhone con I Love Katamari, que é unha conversión deste tipo de xogo adaptada á pantalla do móbil de Apple en tamaño, pero conservando os gráficos totalmente tridimensionais (fronte á súa versión para móbiles, Rolling with Katamari, que era moito máis rudimentaria) e que se pode xogar en varios modos: historia, contrarreloxo, tamaño exacto e eterno.
O título fai uso do acelerómetro do iPhone, de xeito que a súa dinámica de xogo é diferente á das entregas anteriores deste xogo creado por Keita Takahashi, aínda que consegue reflectir o espírito desta exitosa saga, que se ambienta nun mundo no que as estrelas do ceo foron destruídas durante unha noite de tolemia do Rei do Cosmos, polo que o pequeno Príncipe do que tomamos control deberá devolver ao ceo o brillo perdido rodando sobre obxectos para formar unha bola xigante (tan absurdo e divertido como parece).

PUBLICIDADE