Krasis aposta polo mercado internacional

xoves, 21 de xuño do 2007 Marcus Fernández

A empresa viguesa Krasis dá o salto ó mercado internacional, para incrementar as súas posibilidades de negocio e dar resposta á demanda mundial do seu segmento, co desenvolvemento dunha nova versión do seu programa de marketing por correo electrónico, MAILCast 4.0, que incorpora grandes vantaxes para o traballo relacionado coa comunicación corporativa a través de e-mail (permitindo o envío masivo e personalizado, así como o seu seguimento) que conta xa cunha nova web específica en inglés na que se inclúe información sobre o produto. Ademais, Krasis, con presenza física en Vigo e Madrid, abre unha sede en Londres, para facilitar a atención ós clientes estranxeiros.
MAILCast é un sistema baseado en web que permite crear rapidamente boletíns electrónicos e campañas de marketing baseadas en correo electrónico cunha aparencia profesional que non precisa de instalación nin de habilidades técnicas para o seu uso.
Permite a creación, composición, personalización, envío e seguimento dos correos, así como a configuración de distintos perfiles de uso (para distribuír o traballo en departamentos), converténdose nunha plataforma sólida e efectiva para mellorar o aproveitamento do comercio electrónico e das relacións cos clientes.

PUBLICIDADE