Kutruparty 2008: tres días de rede ininterrompida na Estrada

martes, 21 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

O panorama de encontros informáticos para a mocidade segue en activo, poñéndose unha vez máis de manifesto que, para quen queira reunirse (neste caso rapaces e rapazas de Galiza e de España arredor do coñecemento dixital), pouco importan -ou nada- os rigores invernais e/ou as actividades formativas paralelas en curso.
Se hai poucos falamos nesta mesma web da Arroutada Party, agora é a quenda da Kutruparty, un dos máis salientables encontros redeiros da nosa terra e que vai xa pola sexta edición. A party, que se celebra entre o 5 de decembro e o día 8, ten como centro de operacións a localidade pontevedresa da Estrada, máis polo miúdo o seu Pazo de Exposicións, onde se dará acollida a máis de 300 participantes.
O encontro, organizado por Auslae Omix, xa ten aberto o prazo de inscrición para concorrer nas diferentes actividades do programa. Por certo que en referencia ás accións a organizar hai unha serie de novidades que cómpre ter en conta. Por exemplo: unha baixada de até 5 euros nos prezos dos rexistros que se fagan antes do 31 de outubro.
Amais, dende a organización vense de reforzar a vontade de ofrecer unha party aberta. Ou sexa, que o fin non é limitar o eido de acción dos participantes ao seu computador e pouco máis, senón todo o contrario: serán benvidas todas as propostas de forma e contido que contribúan a achegar unha party o máis salientable e completa posible.
Entre outras moitas actividades, a xuntanza en liña estradense ten previstas unha Linux install party, obradoiros de robótica (para os que se usará a plataforma libre Arduino) e de fotografía dixital, charlas e mesas redondas sobre o novo cinema e a Web 2.0 ou as acostumadas competicións de xogos en liña.
Cómpre sinalar que, amais das infraestruturas básicas que se porán a disposición dos mozos e mozas inscritos (entre elas, acceso de 80 megas de conexión), haberá tres consolas PlayStation e unha Wii con todo o equipamento extra engadido para levar a cabo torneos de Guitar Hero, de Tennis Wii Sport e até de Dance Dance Revolution.

PUBLICIDADE