La Molinera achega 16 actividades TIC para este mes de setembro

martes, 5 de setembro do 2017 Redacción

O Centro La Molinera de Ourense vai enfiar con listón ben alto o mes de setembro. Tanto no que se refire ao número e calado tecnolóxico das súas actividade formativas coma á variedade do público potencial ao que se dirixen. En total, serán 16 obradoiros e accións de divulgación e formación a desenvolver ao longo deste mes. A oferta abrangue un curso de iniciación á informática, tres talleres Maker (sobre reciclaxe de compoñentes electrónicos, sobre fabricación de impresoras 3D e sobre robótica elemental), catro xeiras para escolares, catro novas sesións de xoves inspiradores, outros tantos relatorios da Escola de Organización Industrial e, tamén, un encontro de redes sociais.
No que atinxe ao Espazo Maker, acolle como dixemos tres obradoiros sobre autocreatividade e sobre tecnoloxías abertas, colaborativas e democráticas. Por unha banda Introdución da economía circular dende a perspectiva da reciclaxe de compoñentes electrónicos, a desenvolver dende o 26 de setembro até o 14 de novembro. Ao longo das sesións procederase á identificación de compoñentes de materiais electrónicos en desuso, recuperación, precaucións, técnicas, probas dos compoñentes recuperados, catalogación e reutilización en fabricación de robots, impresoras 3D e demais tecnoloxías da Industria 4.0. En segundo lugar, o Espazo Maker acollerá o obradoiro Taller de fabricación de impresora 3D, os mércores dende o 27 de setembro até o 22 de novembro, xirando a actividade arredor dos recursos principais para fabricamos, calibrarmos e pór en funcionamento unha impresora 3D a partir de compoñentes autofabricados. Por último, o Espazo Maker tamén dará acubillo ao Taller de fabricación de robótica elemental e Internet das Cousas. Será os xoves dende o 21 de setembro até o 9 de novembro. Aprenderásenos a dar forma a robots e aos diferentes elementos dos trebellos móbiles, mecánica, electrónica, comunicacións, ensamblado, axustes e programación.
Polo que se refire á Aula CeMIT, do 18 ao 27 de setembro celebrarase un Obradoiro de iniciación á informática, co obxectivo de facilitar ao público en xeral “a oportunidade de capacitarse e adquirir uns principios básicos de achegamento que faciliten compartir información, a interoperatividade, o deseño centrado no usuario e a colaboración en liña”.
No Espazo Kids, para nenas e nenos de 8 a 15 anos, haberá tres talleres. Primeiro, Creatividade aplicada ao emprendemento infantil e educación financeira, os martes do 19 de setembro ao 12 de decembro, centrándose o seu programa en introducir á rapazada no espírito emprendedor e no uso das moitas capacidades de cada quen para poñer unha idea innovadora en funcionamento. Segundo, Obradoiro Arquimakers III, Os mundos da auga a través de Minecraft, a desenvolver os mércores dende o 22 de setembro até o 29 de novembro e orientado a facilitar que as nenas e nenos entendan os conceptos básicos da auga nos diferentes estados, na nosa contorna e empregando as “enormes posibilidades de Minecraft, creando cidades dixitais e resolvendo desafíos de maneira colaborativa”. E en terceiro lugar, o Obradoiro de programación orientada a videoxogos a través de Scratch. Levarase a cabo os xoves dende o 21 de setembro ao 30 de novembro, dirixíndose a fomentar as habilidades cognitivas, o pensamento crítico, a concentración e o coñecemento das novas tecnoloxías a través da popular ferramenta de programación Scratch.
No que respecta ao Taller Team Maker For Kids céntrase na Programación de aplicacións de robótica e youtubers. Será os venres de setembro a novembro, para que as nenas e os nenos se introduzan nas metodoloxías de traballo dun proxecto multidisciplinar, fomentando a creatividade arredor das tecnoloxías e desenvolvendo as súas habilidades de comunicación.
Amais de todo isto, ao abeiro do programa Xoves Inspiradores o centro municipal desenvolverá o Obradoiro do informática para superheroes ao alcance de simples mortais, os xoves pola tarde, con sesións tituladas O Produto es ti: De que viven Google e Facebook, Ábrete sésamo: como crear contrasinais pésimas, regulares e indestrutíbeis e Navegar como Snowden… apelidándose García.
Por outra banda, o programa da Escola de Organización Industrial achega catro relatorios, para todos os público, os mércores pola tardes:
· Customer Development II (6 de setembro)
· Contabilidadd para StartUps (13 de setembro)
· Pactos de socios e acordos parasociais 20 de setembro
· Como construír el equipo de una StartUp 27 de setembro
Finalmente o 13 de setembro celebrarase un meetup de 20:00 a 21:30 horas. Segundo lembran dende La Molinera, un meetup é unha plataforma de redes sociais que permite a quen a integran reunirse na vida real a grupos unidos por un interese común.

PUBLICIDADE