Lalín lanza un mapa dixital con preto de 1.200 recursos patrimoniais rexistrados

mércores, 4 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A semana pasada o Concello de Lalín presentou unha nova iniciativa tecnolóxica para afianzar o municipio na primeira liña dos municipios turísticos galegos. Trátase dun novo mapa dixital que abrangue e mostra a longa e rica listaxe de recursos patrimoniais que atesoura. A iniciativa, accesíbel a través de turismo.lalin.gal, foi dada a coñecer polo concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, e máis os auxiliares municipais da dita área, Nuria Álvarez e Martín Riádigos. En concreto, o mapa rexistra máis de de 1.176 elementos (igrexas, cruceiros, muíños, pontes, castros, mámoas, petroglifos, pazos, fontes, fervenzas, etc...).
Segundo engadiron, a ferramenta foi creada tirando proveito do servizo dixital Google Maps, dando como resultado un recurso libre, de balde e utilizábel dende calquera soporte informático ou trebello móbil con conexión a Internet. Isto polo que se refire á vertente técnica, ao alicerce tecnolóxico. No que atinxe ao fondo, o mapa elaborouse en base ao inventario municipal de patrimonio etnográfico e turístico creado polo Concello o ano pasado. “Con esta iniciativa”, sinalaron o edil e máis os técnicos, “ademais de poñer en valor os múltiples elementos patrimoniais de Lalín, localizámolos e describímolos”, e todo co obxectivo de incrementar e mellorar as experiencias á hora de visitalos”.
Francisco Vilariño explicou que "agora mesmo non coñecemos ningún outro concello que teña este tipo de ferramenta". O edil sinalou que o mapa rexistra 1.176 elementos contabilizados actualmente e clasificados en diferentes categorías:
· Bens relixiosos: Igrexas e capelas (70), petos de ánimas (1), cruceiros (41).
· Arquitectura civil: pazos (17), casas e casais (69), outros (6).
· Castros mámoas e petroglifos: castros (31), mámoas e sartegos (42), petroglifos (11).
· Muíños, hórreos e alvarizas: muíños (9), hórreos (774), alvarizas (24).
· Pontes, fervenzas e fontes: pontes (8), fontes (9) e fervenzas (2).
· Esculturas (30)
· Miradoiros, áreas de lecer e áreas naturais (31) e outros (11).
Finalmente o concelleiro de Turismo puxo de relevo o traballo que está realizando o Goberno de Lalín para “darse a coñecer tamén a través das redes e de Internet”, como plataforma imprescindíbel na actualidade para a promoción turística.

PUBLICIDADE