Lanzados os novos bonos dixitais que facilitan ás persoas vulnerábeis a contratación de banda larga

martes, 18 de xullo do 2023 S. P.

O Diario Oficial de Galicia publicou este 18 de xullo a convocatoria para a solicitude dos bonos dixitais para colectivos vulnerábeis do programa estatal Único. O prazo abre este 19 de xullo e permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de novembro. O obxectivo desta iniciativa é “facilitar a persoas ou familias en risco contratar ou mellorar a conexión á banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30 Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida, durante un período de ata 12 meses cun máximo de 240 euros”.
Trátase da segunda convocatoria dos bonos dixitais e conta cun orzamento de 1,34 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea. A previsión é acadar nesta segunda convocatoria arredor de 5.600 beneficiarios.
En base ao especificado pola Unión Europea na súa decisión para a aprobación destas axudas, o uso do bono para a mellora de velocidade só será válido naqueles casos nos que a velocidade contratada actualmente sexa inferior a 30 Mbps.
As axudas están dirixidas a fogares que non conten con conexión fixa de 30 ou máis Mbps a Internet e cuxa renda anual (per cápita) sexa inferior ao 125% do IPREM en caso de non ter menores ou 175% en caso de telos. “Son, fundamentalmente, beneficiarios de Risga, do Ingreso Mínimo Vital así como outras familias con poucos recursos ou risco de exclusión social”, explica a Xunta, engadindo que o bono social forma parte das iniciativas predefinidas polo Goberno de España no marco do programa estatal Único, que compromete ao Estado a acadar o obxectivo europeo de que o 100% da poboación teña acceso a servizos de banda larga de polo menos 100 Mbps, en 2025.
As iniciativas predefinidas para todas as comunidades autónomas apenas suman algo máis do 9% do orzamento do que dispón o Estado para acadar este obxectivo (Galicia soamente xestiona un 0,5% dese orzamento e faino con esas iniciativas xa establecidas).

PUBLICIDADE