Lánzase Biolumen, o proxecto para conservar o patrimonio de Santiago con iluminación intelixente

luns, 14 de decembro do 2020 Fernando Sarasketa

O venres 11 de decembro formalizouse o lanzamento oficial do proxecto Biolumen, no marco da iniciativa Smartiago para converter Compostela nunha Cidade Intelixente. Biolume, impulsado por Televés e o Concello en colaboración con Ferrovial Servizos e a Universidade de Santiago (USC), diríxese a facilitar o control da colonización biolóxica en fachadas de edificios e monumentos da cidade a través de iluminación intelixente.
A reunión tivo lugar nas instalacións de Televés Corporación e contou coa participación de todos os responsábeis directos do proxecto. Por parte do Concello de Santiago asistiron Javier García, arquitecto e Jesús Rodriguez, xefe de servizo informático, así como Antón Varela, asesor do Goberno municipal, ademais de Antonio Guimarey e María Santiago, da oficina técnica de proxectos (Silo). En representación das empresas que conforman o consorcio, Patricia Sanmartín, directora científica de Biolumen na USC, Álvaro Piñeiro, por parte de Ferrovial Servizos e Ana Bermúdez e Sebastián Pantoja por parte de Televés.
Como dixemos, a cita serviu de escenario para o lanzamento e inicio do proxecto Biolumen, incluído no proxecto Smartiago do Concello de Santiago, onde se presentaron de maneira global os obxectivos e plans a cumprir, dando inicio ao novo traballo que se vai a realizar.
Biolumen é o proxecto piloto de iluminación intelixente que se aplicará á fachada norte da Casa do Cabildo, na praza de Pratarías de Santiago de Compostela. A adxudicación a Televés, tras unha licitación pública en concorrencia competitiva, virá cun orzamento total de 613.581,43 euros até a súa consecución en marzo 2022 e será promovido polo Concello de Santiago, baixo o ámbito e financiamento do proxecto Europeo Smartiago.
Biolumen márcase como obxectivo principal preservar a condición de Santiago de Compostela como modelo de conservación do patrimonio a través da iluminación ornamental intelixente. Para iso desenvolverase un sistema de alumeado eficiente e medioambientalmente responsábel con vistas a controlar a colonización biolóxica en elementos de alto valor patrimonial, aproveitando a tecnoloxía LED e o telecontrol da iluminación con capacidade biostática, que, segundo informa Televés, pódese integrar doadamente en edificios con alto valor patrimonial, “cun mínimo ou nulo impacto arquitectónico”.
A experiencia da Casa do Cabildo
Grazas á tecnoloxía posta en xogo, a Casa do Cabildo contará a partir do remate do proxecto piloto cos “beneficios engadidos dun aforro enerxético da contorna ao 80% anual, unha redución do gasto de mantemento da iluminación ornamental dun 60% e do gasto empregado na conservación de polo menos un 50%”, informou Televés, engadindo que a experiencia será pioneira no desenvolvemento de solucións baseadas nos principios da economía circular polo respecto á biodiversidade.

PUBLICIDADE