Last.fm renova a súa feitura e inclúe novos servizos

martes, 22 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Que unha web calquera se renove xa non é nova, vala a redundancia. Pero que o faga unha páxina que teoricamente vai á vangarda da era dixital, xa ten o seu miolo (e cando se fala de “vangarda”, fálase de Rede 2.0, a que che anima a participar nos contidos e nos propios desenvolvementos aínda que non queiras). Trátase de Last.fm, unha web que vén de ser obxecto dunha remodelación completiña, tanto en feitura como no que se refire ás súas achegas, reforzadas e ampliadas. Máis en detalle, o novo sitio en liña da canle de música (avaliada agora polo miúdo pola comunidade Hipersónica) incorpora unha exhaustiva reconstrución da interfaz, cos datos do usuario e da radio persoal situándose na cabeceira, e incluíndo a posibilidade de engadir etiquetas ás cancións recentes e sen que sexa preciso acceder á páxina da que proceden.
Polo que respeta ás Notas, ocupan agora o treito máis baixo da web, non así a listaxe dos máis escoitados, que agora se vén de reforzar con pestanas para que o usuario teña a posibilidade de mudar o prazo da clasificación (última semana ou último mes) dun xeito máis doado.
Asemade, os responsables de Last.fm engadíronlle ao portal un cadro que nos informa coma un espello do que andamos a facer coa páxina nos últimos días, remodelándose amais a feitura das presentacións dos artistas e dos espazos en liña dos diferentes grupos que se albergan. A interfaz, pola súa parte, foi ceibada de atrancos e cárgase de maneira moito máis inmediata. A isto hai que engadir algo que moitos de nós xa sabiamos: a achega dende o devandito portal dunha ferramenta para o iPhone.

PUBLICIDADE