Liberan completamente o iPhone 3G

luns, 5 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A pasada fin de semana foi precedida polo lanzamento das primeiras versión públicas de Yellowsn0w, a aplicación que permite liberar completamente o iPhone 3G con baseband 02.28.00 aos que se lle fixese jailbreak (ou sexa, nos que se pode executar software non oficial) e que se pode instalar a través de aplicacións coma Cidya ou Installer, completándose así un proxecto agardado por moitos durante o último medio ano, aínda que non é de agardar que teña grandes repercusións posto que para tirar proveito do terminal continúa a ser preciso contratar unha tarifa plana de datos 3G, así como respectar o compromiso de permanencia adquirido coa compra do móbil de Apple.
Lembremos que a liberación do iPhone 2G fora moi importante por dous grandes motivos: permitir o uso de aplicacións non incluídas de serie no móbil e facer posible usar o terminal fóra dos EE.UU. (xa que nun principio só o comercializaba AT&T). Agora, xa existen numerosas aplicacións nativas oficiais para o iPhone e o móbil se vende en boa parte do mundo, de aí que este enorme paso no crackeo do terminal non vaia acadar a mesma repercusión, e incluso hai que o considera unha perda de tempo.

PUBLICIDADE