Lideramos.gal impulsará o talento feminino galego e a formación en xestión de equipos

xoves, 28 de decembro do 2023 S. P.

A Xunta puxo en marcha este mércores 27 de decembro o programa formativo Lideramos, dirixido a impulsar o talento e liderado feminino e a formación específica en xestión de equipos. Segundo se fixo saber, máis dun cento de mulleres participarán nas distintas actividades previstas deica o vindeiro 11 de abril. O programa terá unha forte presenza web e vén acompañado dunha páxina, lideramos.gal, que recolle todo o contido do proxecto, así como a ficha de inscrición de cada colectivo e provincia.
Participaron na posta en marcha oficial do programa o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, xunto coa secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao.
Na súa intervención, o secretario xeral destacou que a formación estará composta por obradoiros e clases maxistrais en liña para os distintos equipos de traballo e sesións de networking e formación presencial nas catro provincias, co fin de abordar diferentes temáticas e obxectivos de modo transversal. O programa Lideramos, dixo, “céntrase así no fortalecemento de novos perfís profesionais, no desenvolvemento do talento e na formación en competencias brandas -especialmente na área de xestión de equipos-, reforzando o compromiso da Xunta coa igualdade de xénero”.
Os obxectivos do proxecto son os de reforzar o liderado feminino e a competencia da xestión executiva en Galicia, co gallo de avanzar no benestar nas empresas. Tamén “impulsar a interrelación entre todas as participantes no programa, ofrecendo formación práctica en xestión e liderado e mellorando as capacidades de liderado e comunicación, destacando as fortalezas e talentos individuais”. Así mesmo, promoverase o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal mediante sesións de adestramento individualizadas para saber das principais forzas motivadoras dos diferentes equipos, así como para alentalos a seguir progresando.
A web do programa (www.lideramos.gal) recolle todo o contido do proxecto, así como a ficha de inscrición de cada colectivo e provincia. Esta web recollerá todas as novidades, eventos e contidos de interese que se xeren durante o transcurso da iniciativa nos diferentes grupos e accións. As persoas interesadas en enviar calquera consulta poderán remitila ao correo electrónico leadership@lideramos.gal.

PUBLICIDADE