Limitar o tethering sería ilegal en España

luns, 9 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Algúns operadores de telecomunicacións inclúen limitacións nas condicións de uso das súas conexións de datos móbiles, especialmente no caso de tarifas con datos ilimitados, de xeito que é habitual ver como algunhas compañías prohiben expresamente o seu uso compartido con dispositivos distintos do propio smartphone (o coñecido como tethering) ou o seu uso directo en routers fixos ou móbiles, pero a Secretaría de Estado das Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETELECO) vén de publicar un informe sobre o estado da neutralidade da Rede en España en relación á normativa europea, e recolle como detectaron que no Estado hai algunha oferta moi puntual que recolle a prohibición de compartir o acceso móbil a través de Wi-Fi ou o uso da SIM en dispositivos distintos ao propio smartphone, o que a Secretaría asegura que está en contra do Regulamento 531/2012, concretamente do seu artigo 3.1 no que recóllese o dereito do usuario final a empregar os equipos terminais da súa elección.
No informe tamén recollen que ao longo de 2020 detectaron que un operador mantiña restricións ao tethering (Orange) e tras o que emitiron unha resolución que foi acatada, polo que a compañía suprimiu as restricións de compartir o acceso con outros dispositivos distintos ao móbil.
O que o informe de SETELECO deixa claro é que o seu criterio é que limitar a compartición de datos móbiles con dispositivos non directamente conectados á Rede irían contra a normativa sobre neutralidade da Rede, e só poderían ser admisibles en caso de establecerse como unha medida de xestión do tráfico temporal e excepcional en caso de conxestión da rede.

PUBLICIDADE