LinEx, cedido á comunidade de usuarios para garantir o seu futuro

xoves, 18 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

O Centro Nacional de Referencia en software libre (CENATIC) vén de informar que a finais de ano terá ultimada unha actualización da distribución estremeña LinEx para pór a disposición da comunidade de usuarios e garantir así a súa evolución e sostibilidade económica. Deste xeito, o porvir da plataforma e máis as feituras e adaptacións das que sexa obxecto no futuro dependerán exclusivamente das decisións que se adopten no seo do colectivo de usuarios da distribución que se creará asociada ao proxecto (baseada na versión estábel máis recente).
Segundo confirmou ao fío disto o Goberno de Estremadura, responsábel de LinEx, “pór en mans da comunidade o futuro da distribución supón un cambio de estratexia que contribuirá a asegurar a súa continua evolución”. Esta decisión responde ás bases do acordo asinado o pasado mes de xullo entre a Dirección xeral de Modernización do Goberno autonómico e CENATIC, mediante o cal a primeira cedíalle ao centro nacional a xestión do proxecto. Esta transferencia foi entendida como o inicio dunha colaboración estratéxica e inclúe a maiores a dinamización do Centro Demostrador de Software de Fontes Abertas de Estremadura. Para o Goberno autonómico, LinEx representa “un activo de gran valor para a Comunidade, que se encontra arestora plenamente integrado no sistema educativo público así como noutros servizos da Sanidade e a Administración autonómica e local”. De feito, engaden fontes do devandito Executivo, “dentro do proxecto integral de infraestruturas tecnolóxicas que se está a desenvolver a través da Dirección Xeral de Administración Electrónica e Tecnoloxías da Información, anunciouse a migración a software libre de 40.000 postos de traballo en datas vindeiras”.

PUBLICIDADE